martes, 31 de marzo de 2020

Animadoras e animadores contra o aburrimento. #euquedonacasa


As nosas compañeiras e compañeiros da Asociación Xuvenil Amencer, a través da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco seguen ofrecéndonos actividades de tempo libre tamén neste tempo de confinamento doméstico.

Mentres non poidamos volver gozar de estar coas amigas e os amigos nos grupos, esta é a súa nova proposta: "Animadoras e animadores contra o aburrimento". Así nola presentan:

"Os animadores e animadoras dos centros xuvenís da Federación Don Bosco queremos seguir aportando o noso traballo voluntario adaptándonos á situación actual, en contra do aburrimento e tratando de levar o mellor posible este confinamento. 
Por iso imos a publicar nesta web e nas webs dos 5 centros xuvenís  propostas de actividades diarias para facer na casa. Dividímolas en 3 áreas:
  • Móvete!  (xincanas, actividades deportivas, videoxogos, baile,...)
  • Crea!  (obradoiros, xogos de mesa, receitas,...)
  • Respira!   (lecturas, reflexións, para manter esperta a cabeza e o corazón)
Tamén teremos algunha proposta online para mozos que iremos desvelando pouco a pouco".

Así que, xa sabedes, cada día poderedes atopar nas páxinas indicadas novas propostas para gozar do tempo de lecer na casa.
Animádevos, seguro que haberá moitas propostas que vos interesen!

luns, 30 de marzo de 2020

Museos de Galicia: visitas en 3D


Durante estes días de confinamento doméstico nos que non debemos saír da casa se non é estritamente necesario, por precaución, por responsabilidade e por solidariedade. podemos aproveitar para facer visitas en tres dimensións aos museos de Galicia desde a páxina da Xunta.

O Museo do Viño, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo do Mar de Galicia, o Conxunto Etnográfico do Cebreiro, o Museo de Belas Artes de A Coruña... Entrade e facede a vosa visita desde a casa. Non é o mesmo, pero... Por aquí é de balde! ;-) Tempo haberá para visitar in situ os que máis vos chamen a atención.

 Aquí vos deixamos a ligazón: Visitas 3D museos.

domingo, 29 de marzo de 2020

Mundo de Milu


Hoxe achegámosvos un novo recurso, da man da Fundación Meniños: O mundo de Milu.

É unha web educativa, cun espazo dirixido fundamentalmente ás cativas e cativos na que recollen as súas achegas e propostas, os seus debuxos e comentarios... Mais nela tamén lles ofrecen xogos, ferramentas, ligazóns, libros...

Paralelamente vai dirixida ás persoas adultas que estamos en contacto cotián coa infancia, ben exercendo como nais, pais, titoras ou como persoal educativo, monitores de tempo libre...


Para estes días na casa recomendámosvos o xogo "O Reino das Emocións", destinado ás nenas e nenos de Educación Infantil e 1º, 2º de Primaria, a través do que poderemos aprenderlle á rapazada "a desenvolver as súas competencias emocionais por medio da historia de Draco, un dragón que chega ao Reino do Aloia para aprender a xestionar as súas emocións coa axuda da fada Andreia. Na súa viaxe coñece a diferentes personaxes, e de cada un deles leva unha ensinanza".

Desexamos que vos sexa de utilidade!

sábado, 28 de marzo de 2020

Liña aberta para familias. Meniños



Durante este momento de crise provocada polo COVID-19, compartimos este recurso destinado ás familias con fillos ou que convivan con menores.

Trátase dunha "liña de atención psicolóxica e acompañamento dirixida a calquera familia que se estea atopando con dificultades cos seus nenos, nenas e adolescentes".

Deste xeito, a Fundación Meniños que traballa pola protección da infancia e a adolescencia quere apoiar as familias nesta situación ante a que nos atopamos.

Ofrecen esta axuda a través dunha chamada telefónica ou do WhatsApp. En Ourense, o número de contacto é o 667 59 66 73 e o horario de atención é de luns a venres, de 10:00h. a 14:00h. e de 16:00h. a 18:00h.

Tanto se a necesitades vós como se coñecedes a alguén que o poida necesitar, contactade ou difundide a información. Porque tamén así axudamos!



Nota: Para ver a información en galego, non tedes máis que premer nesta opción de idioma na pestana que aparece na parte superior dereita da pantalla.

venres, 27 de marzo de 2020

#aculturasegue


Tal e como se informou nos pasados días a través dos medios, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo vén de pór en marcha a campaña #Aculturasegue para promover contidos culturais entre a cidadanía durante o período do estado de alarma polo coronavirus.

Se seguides este cancelo (#Aculturasegue) poderedes acceder aos contidos que se ofertan desde arquivos desta Administración, museos, bibliotecas... 

O obxectivo é ofrecer a través de Internet actividades de ocio cultural para toda a familia.

Así que xa sabedes, durante este tempo tamén poderedes acceder a contidos culturais desde a casa.

Podedes acceder a máis información sobre esta nova neste artigo publicado por Galicia Confidencial.

xoves, 26 de marzo de 2020

YouTube en galego


Gústache ver vídeos en YouTube? Segues a algún ou algunha "youtuber" na rede? Sabías que tamén existe unha canle de YouTube desde a que podes acceder a contidos en galego?

Por se aínda non coñeces Youtubeir@s, aquí che deixamos ligazón á páxina do proxecto (quen sabe se nalgún momento ti tamén te convertes nun youtubeiro ou nunha youtubeira e gañas algunha edición do premio que organizan!) e mais á súa canle en YouTube para que poidas ver os vídeos.

Ver e producir contidos audiovisuais en galego, esa é a idea!

Se es profe..., isto pode interesarche ;-)

Se alumna/o..., igual isto che parece interesante ;-)


E hai música? Por suposto!




E contidos para as cativas e cativos da casa? Como non!


Busca, busca! Xa sabes que "quen ben busca, sempre atopa!"

mércores, 25 de marzo de 2020

GaliciaLe


Coñeces GaliciaLe, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas?

Se tes o teu carné da rede de bibliotecas públicas de Galicia podes acceder desde calquera dos teus dispositivos electrónicos a un amplo fondo de libros e contidos (revistas, películas...) en formato dixital.

Se (aínda) non dispós do carné ou as claves de acceso, non te preocupes, durante o estado de alarma para evitar a propagación do contaxio por coronavirus poderás acceder igualmente a eBliblio Galicia e ao Catálogo galego. Como? Rexistrándote na plataforma. Enviaranche unhas claves de acceso; cando remate a corentena disporás de 30 días para achegarte á biblioteca e solicitar o carné (de balde) para poder seguir gozando das vantaxes de GaliciaLe e dos fondos da rede de bibliotecas públicas de Galicia.



A que é unha boa idea/opción?

Feliz lectura!

martes, 24 de marzo de 2020

Xornais dixitais en galego

Se queres estar ao día das noticias pero fas por evitar baixar á rúa para comprar o xornal, aquí vos deixamos a ligazón a dous medios galegos que vos poden vir ben para agora e mais tamén para cando todo isto pase (que pasará!).



Feliz lectura!

luns, 23 de marzo de 2020

Contos en galego. Colectivo NOGA

Gustaríavos ter acceso a contos contados en galego?

Durante estes días de illamento doméstico, moitos son os organismos, entidades e colectivos que comparten na rede contidos culturais.

Desta volta recomendámosvos a canle de Youtube do colectivo NOGA (Narración Oral GAlega). Nela atoparedes vídeos con contos para todas as idades (ollo, que tamén hai historias destinadas ao público adulto!).

Aquí vos deixamos a ligazón á canle e tamén algúns vídeos para que poidades botarlles unha ollada.

Feliz "lectura"!


O almorzo de Xana, por Cris Collazo (público infantil)




O rei que lle tiña medo ás agullas, por Felipe Díaz Caxoto (público infantil)



domingo, 22 de marzo de 2020

Coñeces GCiencia?

Desde a páxina de gciencia.gal podemos acceder a todo tipo de contidos de interese social.

Como o mesmo equipo de profesionais que xestiona os contidos afirma, o obxectivo é "achegar a ciencia e a tecnoloxía ao conxunto da sociedade galega". 

"Ao longo da súa traxectoria, gciencia.gal converteuse no nativo dixital máis lido de Galicia e o quinto de todos os medios galegos na Internet, ademáis do primeiro en galego".

Así que se queredes estar informados sobre o coronavirus ou outros contidos científicos de interese, esta é unha boa opción.

sábado, 21 de marzo de 2020

Aulas Galegas: O portal educativo para as familias


Nesta primeira semana sen aulas para o alumnado despois de terse decretado o estado de alarma desde o Goberno Central e a Xunta de Galicia para evitar a propagación do coronavirus, un colectivo de profesoras e profesores galegos decidiu impulsar AULAS GALEGAS, un portal educativo para axudar o alumnado e as familias ofrecendo recursos educativos clasificados por cursos e áreas/materias.

Aínda que no noso colexio o profesorado vos estamos enviando propostas adaptadas ao que viñamos traballando nas aulas ata agora, non está de máis ofrecervos máis recursos para que poidades levar algo mellor o tempo de illamento doméstico.

Detrás deste proxecto hai máis de 200 profes que, sen ánimo de lucro, están traballando para ofrecer contidos de calidade e adaptados á realidade do noso país. Cada día publican novos recursos. Podedes seguir as novas tanto na web como nas redes sociais: Facebook, Instagram...

Esperamos que vos sexa de utilidade!

Ánimo e a seguir na casa!

Proposta de rutinas diarias. Educación contra o coronavirus. UNICEF

Aquí vos deixamos unha ligazón á páxina de UNICEF Educación na que nos propoñen 10 tarefas da rutina diaria para estes días de illamento doméstico por causa do coronavirus.

Segundo este organismo "O establecemento de rutinas nestes días de illamento doméstico é unha oportunidade para contar coa opinión, a responsabilidade e o compromiso de nenos, nenas e adolescentes".

Sabemos que non é doado, sabemos que vivimos días incertos e cheos de dificultades, mais non podemos desaproveitar a oportunidade de seguir educando desde a casa.

Apertas e moito ánimo, familias!

Contos en galego para a rapazada


Para estes días nos que nos toca quedar na casa, moitos son os recursos que circulan polas redes para axudarnos a pasar mellor as horas coas nenas e nenos.

Hoxe queremos compartir con vós a oferta de Kalandraka tv.

Na súa páxina ofrécennos cada día un conto narrado en galego. Unha boa idea para ofrecerlle á rapazada cultura de calidade en galego.

Desexamos que lle saquedes moito proveito.

Ánimo para todas e todos!

venres, 20 de marzo de 2020

Plan de cine para os máis grandes da casa...


Nesta fin de semana na que teremos que quedar na casa por precaución, responsabilidade e responsabilidade, compartimos convosco esta proposta de Vía Láctea Filmes, TVG e Editorial Galaxia, produtoras de A Esmorga

Ofrecen o filme da adaptación da novela de Eduardo Blanco Amor de balde desde o venres 20 de marzo ás 20:00h. ata o luns 23 ás 06:00h. para contribuír así a "acadar a disposición de espírito para a AFOUTEZA", en palabras da editorial.

Xa sabedes, ver cine galego e en galego pode ser unha boa opción esta fin de semana. 

Apuntádesvos?

(Premendo no título iredes directamente á páxina desde a que poderedes ver a película).

#EuQuedoNaCasa



Hoxe aproveitamos e agradecemos a imaxe do grande Leandro Lamas para lembrármonos que por responsabilidade, por solidariedade, por precaución..., durante o estado de alarma decretado polos gobernos central e autonómico debemos ficar na casa.

Durante este tempo, o profesorado enviará propostas e material para seguir traballando na casa. Estade atentas e atentos á Plataforma, ás aulas virtuais de Classroom, ás redes sociais...

Desde o EDLG tamén achegaremos recursos e propostas para levarmos mellor estes días.

Moito ánimo! 

Todo vai ir ben!

Xuntos podemos con todo!

XII Xornadas da Lingua: Eu falo, ti podes, inténtao!

Unha ampla oferta de actividades que comezan a principios de marzo e algunhas chegaran até finais de xuño.

PARA TODO O COLEXIO
· Ambientación de aulas, corredores, patios e portería.
· Bos días radiofónicos e de televisión escolar interna do 2 ao 6 de marzo.


EDUCACIÓN INFANTIL

· “A mochila viaxeira” libros en galego que van de casa en casa para lelos en familia.
· “Conto colectivo” os máis maiores de EI crearan entre todos un conto.


EDUCACIÓN PRIMARIA

· “O conto viaxeiro da educación viaria” para 1º e 2º.


EDUCACIÓN SECUNDARIA

· Titorías de sensibilización sobre o galego con xogo en liña “O Preguntoiro”.
EP, ESO E BAC.

· “Achegamento a Xeración Nós” a través das clases de Lingua Galega
EI, EP, ESO E BAC.
· Exposición  “A Xeración Nós, vista por nós”


NOS RECREOS

· Exposición e venta dos materiais “normalizadores (EDLG, Amencer, Ozoco)
· ”Recreos vivos en Educación Primaria: Cantamos os temas de Uxía Lambona e a banda molona, Guadi, galeoke...
· “Posadoiro”: gústame o galego porque... cada quen completa a frase e tira unha foto.
· Proxecto televisión en galego: Gravar vídeos co alumnado que o desexe contando chistes, por que falar en galego, contar un conto...


PARA TODA A COMUNIDAD EDUCATIVA

* Encontros con... Afonso Vázquez Monxardín, escritor e experto en historia, lingua e investigación, co relatorio “Un tempo, unha xente, unha revista... Nós”.

* I Concurso de fotografía “Gustas do galego?”
XXI Concurso de Hipercurtos contos.
* Baleirado da enquisa ... por que non falas galego de cotío no cole?
Presentación dunha nova edición de textos de AA. AA. recollidos polo EDLG no Centenario.
* Reparto de materiais didácticos entre o profesorado de E. Infantil Educación Primaria, ESO e Bacharelato.


NA CONTORNA

· Contaxiar o uso da lingua galega tamén no ámbito empresarial, comercial … a través das familias do centro:
o   Pegada de carteis “Mellor dito” nos establecementos de Ourense.
o   Pegada de carteis “Nós atendemos en galego” nos establecementos de Ourense.

· Dar a coñecer aos medios de comunicación e as familias do noso alumando o que se está a realizar en prol da lingua e cultura galega nestas xornadas e durante todo o curso.


luns, 9 de marzo de 2020

Titorías en Secundaria e Bacharelato nas XII Xornadas da Lingua

Todas as aulas de Secundario realizaron o xogo en liña “O preguntoiro” na súa hora de titoría na primeira semana de marzo. 

Un xeito de apreciar e coñecer a nosa lingua aula por aula dun xeito lúdico e a través das novas tecnoloxías.

Porque tamén se pode aprender galego dunha forma diferente e divertida!


venres, 6 de marzo de 2020

Achegamento á Xeración Nós desde as clases de Lingua galega


Dentro do marco das XII Xornadas da Lingua, desde o EDLG promovemos o achegamento á Xeración Nós no ano do seu bicentenario. Desta volta farase desde as clases de Lingua galega.

Aquí podedes ver unha das propostas nas que traballou o alumnado.






mércores, 4 de marzo de 2020

Encontros con...


Dentro das XII Xornadas da Lingua en Salesianos Ourense organizadas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) participamos no “Encontro con… Afonso Vázquez Monxardín”, que tivo lugar o martes 3 de marzo de 17:45 a 19h. na Aula Magna do colexio. 

Compartiu connosco o relatorio “Un tempo, unha xente, unha revista... Nós”. Este acto está aberto á participación e asistencia de toda a comunidade educativa do colexio salesiano (profesorado, PAS, familias e alumnado), así como á cidadanía en xeral (ata completar aforo), pois é un acto público dentro das Xornadas.






luns, 2 de marzo de 2020

Presentación das XII Xornadas da Lingua




O EDLG, Equipo de Dinamización de Lingua Galega do colexio salesiano presentou aos medios de comunicación en rolda de prensa o luns 2 de marzo ás 11:15h na Aula Magna de Salesianos as  XII XORNADAS DA LINGUA co lema  “Eu falo, ti podes. Inténtao!”. 

Estiveron presentes no acto Mª José Cabaleiro e Xulio C. Iglesias, membros do EDLG de Salesianos. 

O obxectivo destas xornadas é realizar unha campaña de sensibilización, aprecio e posta en valor da lingua galega entre o alumnado de EI, EP, ESO e Bac., profesorado, PAS e familias do noso centro.