xoves, 30 de abril de 2020

Aprendendo desde a casa: Meteoxenios.


Tamén hai contidos educativos para que o alumnado maior tamén continúe aprendendo desde a casa mentres non se poida regresar ás aulas.

Deixámosvos a ligazón a Meteoxenios, un programa da CRTVG co que aprenderemos sobre meteoroloxía e climatoloxía da man de Xacobo de Toro. Tamén podedes atopar máis información no seu blog.

Desde a páxina poderedes acceder ao resto dos capítulos emitidos.

mércores, 29 de abril de 2020

Aprende galego (e inglés) co Teacher e Os Bolechas


A CRTVG segue ofrencendo contidos educativos para que as rapazas e rapaces sigan aprendendo desde a casa durante este tempo de confinamento.

Aquí vos deixamos a ligazón ao primeiro capítulo de O Teacher e Os Bolechas, para seguir aprendendo inglés desde o galego.

Desde esa páxina poderedes acceder ao resto dos capítulos.

Esperamos que vos sexa de utilidade.

See you!

martes, 28 de abril de 2020

Debuxos animados para as e os máis pequenos da casa: Tutu.


Dentro da oferta do Xabarín Club da CRTVG poderedes atopar diferentes programas de televisión para a rapazada.

Hoxe deixámosvos a ligazón para ver Tutu, unha serie de debuxos animados de factura galega.

Tutu é aventureiro, divertido e curioso. Xunto cos seus amigos e amigas resolverá en cada capítulo un novo problema, sempre desde a perspectiva da transmisión de valores e aprendizaxes para a cativada.

Cremos que é unha boa maneira de aprender valores e normalizar a lingua nos nosos fogares desde un contexto informal e nun formato atractivo. Ademais, os 7 minutos de duración de cada capítulo resultan suficientes para a exposición ás pantallas das pequenas e pequenos da casa.

Desexamos que pasedes moi bos e entretidos momentos con Tutu.

luns, 27 de abril de 2020

Aí vén o maio...


Aquí vos compartimos a iniciativa da Asociación A Bela Auria para celebrarmos a festa dos maios.

Como recollen na páxina Cantádeme un maio:

A grave crise sanitaria que estamos a atravesar fai que este ano non poidamos celebrar a festa dos Maios na rúa.

É por iso que colectivos e persoas que tomamos parte desta tradición facemos un chamamento para a vivir desde a casa.

O domingo día 3 publica na rede as coplas (letras ou vídeos cantándoas) e as fotos dos Maios feitos co material que teñas na casa. Emprega o cancelo #CantádemeUnMaio nas túas publicacións.

Esta iniciativa quere dar voz a un elemento da nosa oralidade, da nosa cultura, que pide que non a canceles.

#CantádemeUnMaio non terá carácter competitivo, aínda que si contará cun concurso de coplas moi “especial”.

Se non sabedes como compoñer as vosas coplas, ademais de na páxina anterior aquí vos deixamos un vídeo-titorial no que Eira Losada, de Nubes Baixo Ti, volo explica moi ben...


E un exemplo dunhas copias nas que seguro que coñeceredes a animadoras e animadores de Amencer.



Animádevos a crear o voso maio e as vosas coplas en familia e a compartilo coas e cos profes e nas vosas redes sociais!

domingo, 26 de abril de 2020

Fe e galeguidade... Asociación Irimia.


Hoxe domingo queremos darvos a coñecer a Asociación Irimia. Foi fundada en 1978 e "desde aquela veu arroupando diversas actividades na liña de promover unha galeguidade cristiá, solidaria cos máis ignorados pola sociedade e en diálogo con calquera persoa ou colectivo comprometidos nos mesmos valores".

Para que coñezades mellor quen son e que fan, deixámosvos ligazón á súa páxina e á revista Irimia na que poderedes atopar moitos artigos interesantes sobre fe e galeguidade.

Agardamos que vos preste esta descuberta.

Feliz domingo!

sábado, 25 de abril de 2020

Cociñando con... Bolboretas no bandullo.


Chega a fin de semana e quizais poidamos dispoñer de máis tempo para cociñar en familia.

Se queredes buscar inspiración para poñervos mans á obra, no blog Bolboretas no bandullo poderedes atopar unha che de ideas para comezar.

Tamén tedes a opción de seguir as receitas na súa canle de Youtube ou incluso comprar o libro que publicaron o ano pasado.




Se vos animades a preparar as vosas receitas, enviádellas ás e aos profes para poder compartilas nas redes sociais do cole.

Boa e saborosa fin de semana!

venres, 24 de abril de 2020

Mellora o teu galego escrito co EDLG: dicionarios, tradutores e correctores.


Seguimos recomendándovos recursos para que gañedes confianza á hora de escribir en galego.

Aínda que podedes atopar estas ferramentas na barra da dereita da páxina, hoxe queremos dedicar esta entrada do blog aos dicionarios, tradutores e correctores para axudarvos cos vosos textos en galego. Non son todos os que hai, pero si os que nós empregamos máis e cremos que vos poden ser de utilidade. 

Aínda que o que compartimos aquí son páxinas web, recomendámosvos instalar no móbil algúns destes recursos na súa versión app (tradutor Gaio, dicionario da RAG, diccionario Galnet...) para que poidades botar man destas ferramentas en calquera momento e lugar.

Dicionarios:
- O da Real Academia Galega. Permite facer buscas simples como calquera dicionario en liña, pero tamén se poden buscar sinónimos ou empregar a busca avanzada para atopar palabras que comezan por, que conteñen, que rematan por... Paga a pena investigar todas as posibilidades que ofrece.

- Digalego da Xunta de Galicia. Permite procurar a definición dos termos, buscar sinónimos e usar o conxugador.

- Diccionario Galnet da Universidade de Vigo. É moi moi útil para consultar como se di unha palabra en varias linguas! A opción web é de uso moi técnico, pero a aplicación móbil é moi sinxela e útil.

Tradutores:
- Opentrad.com. Ofrece unha versión gratuíta bastante boa (aínda que como con todos os tradutores, hai que revisar o texto antes de dálo por bo, porque é unha máquina e executa ordes pero non pensa...). No caso que nos ocupa, serve para traducir textos ao galego ou do galego a outras linguas.

- Tradutor Gaio da Xunta de Galicia. Tamén este existe como aplicación móbil. Útil se só precisades traducir texto sen formato ou páxinas web.

Google tamén ten o seu propio tradutor. É un recurso útil para saír dun apuro ou en situacións concretas e puntuais, máis non é a mellor opción para traducir documentos de carácter máis formal. 

Como complemento ao uso de tradutores recomendamos empregar correctores ortográficos para revisar os textos (nos propios procesadores de texto atoparedes esa opción e se non, sempre poderedes botar man da ferramenta que ofrece a Universidade de Vigo, o OrtoGal). E por suposto, revisade sempre o texto ao final!

xoves, 23 de abril de 2020

Aprendendo xeoloxía e mineroloxía en galego: Xeoclip


A CRTVG ofrece contidos científicos a través do programa Xeoclip por medio do que poderemos aprender, reforzar e ampliar algúns dos coñecementos aprendidos nas aulas.

Cremos que pode ser un bo complemento ao material que vos está enviando o profesorado a través da Plataforma para que poidades seguir aprendendo desde a casa dunha maneira diferente.

Ao igual que os outros contidos educativos que está ofrecendo a CRTVG podedes seguilos a diario desde a TVG2 polas mañás ou a través da páxina desde a que ofrecen contidos á carta.

mércores, 22 de abril de 2020

Aprendendo desde a casa: O Sabedoiro


O Sabedoiro é un programa grazas ao que o alumnado galego que ten que estar confinado durante o estado de alarma decretado por mor do Covid-19 pode seguir aprendendo contidos académicos desde a casa.

Podedes seguilo en directo desde a TVG2 ás 12:00h. de luns a venres ou tamén desde a páxina da CRTVG desde a que podedes acceder aos contidos á carta.

Esperamos que vos sirva de apoio ao que o profesorado vos está enviando desde a Plataforma.

martes, 21 de abril de 2020

Aprende galego (e inglés) con Os Bolechas


Coñecedes o programa one2three que emite a CRTVG no que a rapazada pode aprender inglés con Os Bolechas?

Pois xa estades tardando en visitar a páxina web na que poderedes atopar todos os programas emitidos e seleccionar aqueles que máis vos interesen para que a rapazada poida seguir aprendendo a lingua de Shakespeare desde a casa.

See you soon!

luns, 20 de abril de 2020

Para celebrarmos o Día do Libro...

O próximo día 23 celébrase o Día do Libro. Este ano vai ser ben diferente e non poderemos saír á rúa a visitar os postos nos que as libreiras e libreiros dan a coñecer as novas propostas das editoriais, as máis exitosas, os clásicos...

Pero non queremos deixar de celebrar ese día, polo que volvemos deixarvos a ligazón á plataforma GaliciaLe desde a que podemos acceder os libros en formato dixital que nos ofrece a rede de bibliotecas públicas de Galicia e tamén unha ligazón ao programa "Cada día un libro", o microespazo da CRTVG no que cada día se recomendaba unha lectura.

Por se non coñecedes moitos títulos en galego, aquí atoparedes propostas que se adapten os vosos gustos literarios.

Feliz lectura!

domingo, 19 de abril de 2020

É domingo!

Seguimos no tempo de Pascua, tempo de esperanza e de alegría.

Se xa compartimos con vós a canle de YouTube para que poidades seguir a misa en galego desde a parroquia de San Ildefonso en San Cibrao das Viñas, hoxe queremos compartir con vós a ligazón desde a que podedes acceder á lectura da biblia en galego.


Porque Deus tamén fala galego.


Feliz domingo!

sábado, 18 de abril de 2020

Actividades de tempo libre educativo na e desde a casa


Chega a fin de semana e dispoñemos de máis tempo de ocio. Como temos que seguir quedando na casa, volvemos traer a proposta da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia: actividades de tempo libre para pasalo ben durante este periodo de confinamento doméstico.

Como se recolle na súa páxina web, "os animadores e animadoras dos centros xuvenís da Federación Don Bosco queremos seguir aportando o noso traballo voluntario adaptándonos á situación actual, en contra do aburrimento e tratando de levar o mellor posible este confinamento. 

Por elo imos a publicar nesta web e nas webs dos 5 centros xuvenís  propostas de actividades diarias para facer na casa. Dividímolas en 3 áreas:

Móvete!  (xincanas, actividades deportivas, videoxogos, baile,...).

Crea!  (obradoiros, xogos de mesa, receitas,...).

Respira!   (lecturas, reflexións, para manter esperta a cabeza e o corazón).

Tamén teremos algunha proposta online para mozos que iremos desvelando pouco a pouco.

Seguimos á vosa disposición no correo fed.galicia@confedonbosco.org".

Hoxe sábado propóñennos unha carreira de avións, aprender a facer cookies e pelotas anti-estrés.

Anímadevos a participar!

venres, 17 de abril de 2020

Mellora o teu galego escrito co EDLG...


Recursos para mellorar a competencia lingüística en galego: O OrtoGal.

Tedes que escribir un texto en galego e queredes comprobar que é correcto desde o punto de vista ortográfico?

A mellor opción é empezar por seleccionar o idioma no que ides escribir no procesador de textos. É doado, na parte inferior do documento aparece un comando no que vos deixa seleccionar o idioma (tanto en Word como en LibreOffice). Escollede galego se non o ten configurado así por defecto e xa está.

Comezando así, xa podedes comprobar a ortografía directamente no propio documento.

Unha vez rematedes, tedes a opción de pasalo polo corrector en liña que ofrece a Universidade de Vigo: o OrtoGal.

Usalo é moi doado: seleccionades o texto que queirades revisar e copiádelo (o máis rápido é pulsando á vez Ctrl+C) e pegádelo (Ctrl+V) nesta páxina do OrtoGal substituíndo o texto que aparece por defecto na páxina.

Despois premedes sobre o botón ABC que aparece á dereita do texto e revisades a ortografía. Tedes a opción de revisar unha por unha as palabras que o corrector considera incorrectas (opción máis recomendable porque o corrector corrixe automaticamente, pero non pensa) ou todas de vez.

Volvedes copiar o texto para pegalo no documento que esteades escribindo e xa está!

Esperamos que vos sexa útil este recurso.

xoves, 16 de abril de 2020

Aquelando na casa!



Durante estes días nos que os escolares galegos tamén teñen que quedar confinados na casa para evitar o contaxio e propagación do Covid-19, a CRTVG adaptou os seus contidos matinais na súa segunda canle para ofrecer recursos educativos.

Nesta liña naceu Aquelando na casa!, a adaptación dos contidos de divulgación científica que vos presentamos onte á situación actual, de maneira que se poida seguir aprendendo contidos científicos experimentando desde a casa.

Desde aquí poderedes acceder a todos os programas emitidos ata hoxe.

A seguir aprendendo, #aquelanacasa!

mércores, 15 de abril de 2020

Divulgación científica: Aquelando.


Coñecedes este programa de divulgación científica para a rapazada que emite a TVG?

Son programas duns 30 min. de duración presentados por David Ballesteros (que xa estivo algunha vez polo cole falando de ciencia) e Manuel Vicente.

Aquelando "combina contidos atractivos para todos os públicos, como experimentos, análise de falsos mitos ou experiencias na rúa, con outros de maior carga técnica".

Xa sabedes, se queredes coñecer máis cousas sobre as leis de Newton, os fluídos, o aire, o corazón,  as enerxías renovables, etc. nesta ligazón poderedes acceder aos programas que a TVG ofrece na súa programación á carta.

Seguro que aprenderedes moito!

martes, 14 de abril de 2020

100 novas cancións en Radio Picariña


A CRTVG vén de anunciar que acaban de engadir 100 cancións máis á lista de reprodución de Radio Picariña.

Xa vos presentaramos este recurso, pero deixámosvolo aquí novamente para que poidades botar man del tamén durante este periodo de confinamento doméstico.

É unha maneira divertida de que as/os máis peques da casa aprendan galego tamén a través da música.

luns, 13 de abril de 2020

Comparte a wifi



No comezo do 3º trimestre e mentres non se poden retomar as clases presenciais nas aulas, convidámosvos a participar nesta iniciativa solidaria para que o confinamento non abra unha fenda que poida deixar a moitas nenas e nenos aínda máis illados e privados de seguir o ritmo académico.

Grazas!

domingo, 12 de abril de 2020

Feliz Pascua de Resurrección!


Talvez nestes momentos máis ca nunca antes teña para nós sentido celebrarmos a Pascua.

Para quen somos cristiáns, vivir coa esperanza da resurrección anímanos a seguir adiante, sobre todo en tempos difíciles. Xesús, a luz do mundo, resucitou!

Non imos desenvolver aquí unha catequese aínda que cremos que si estaría ben aproveitar a oportunidade para re-descubrir que significa a Pascua para cada un/unha de nós.

Hoxe deixámosvos varias propostas para achegarnos de diferentes maneiras ao significado e valor do que celebramos.

Esperamos que vos sexan recursos de utilidade e vos sirvan para gozar doutra maneira deste domingo máis na casa.

Aleluia, Aleluia!

Ah, lembrade que poderedes seguir a eucaristía en galego a través da páxina de YouTube da Parroquia de San Ildefonso en San Cibrao das Viñas.

RECURSOS tomados do blog Xa nos tes aquí

* Fichas e imaxes para falar da Semana Santa cos máis pequenos da casa.

* Catequese sobre o Via Lucis ou camiño da resurrección en imaxes para colorear.

* Historia do coello de Pascua e manualidades con ovos.

sábado, 11 de abril de 2020

Plastilinas caseiras para un domingo de Pascua na casa


Mañá é Domingo de Pascua!

En días tales como o de hoxe, seguramente nas vosas casas habería un roscón ou un ovo de Pascua traídos polas madriñas e padriños con moito cariño.

Como desta vez non poden vir de visita e seguramente levades uns días practicando na cociña e estaredes xa ben servidos de doces, hoxe traémosvos unha proposta para practicar a facer comidiñas variadas usando a imaxinación.

Para iso deixámosvos dúas propostas para elaborar plastilinas caseiras (unha con glute e outra sen el, por se hai alguén con celiaquía na casa), traídas desde a páxina de Aulas Galegas.

Desexamos que vos guste e pasedes un bo domingo en familia.

Apertas.

venres, 10 de abril de 2020

Na procura dos ovos máxicos


Para hoxe lanzamos esta proposta que seguro vos vai gustar moito para levar a cabo nestes días de Pascua na casa.

Traémola desde a páxina de Aulas Galegas. A autora, Naír García Abelleira, adapta o xogo da procura dos ovos de Pascua para aprender vocabulario relacionado coa casa.

Teremos que agochar unha serie de pistas pola casa de maneira que ao ir resolvendo os enigmas se poida chegar ata o tesouro agochado.

Aquí vos deixamos a ligazón á páxina na que se explica o xogo e desde a que tamén poderedes acceder á presentación na que están as pistas e onde se explica onde e en que orde colocalas.

Desexamos que vos divirtades moito!




xoves, 9 de abril de 2020

Papiroflexia

Papiroflexia

Nestes días nos que podemos atopar máis tempo para aprender outras cousas máis propias do tempo de lecer, deixámosvos unha nova proposta para pasar o tempo na casa: facer papiroflexia!

Deixámosvos tres propostas dunha complexidade distinta para que se poida adaptar á vosa idade, habilidade, gusto... 

Hoxe aprenderemos a facer un barco de papel (con moita historia!), un vaso e un tulipán a través duns vídeo-titoriais.

Se vos animades a compartir as vosas creacións, enviádeas a través da Plataforma ou etiquetando o cole nas redes sociais. 

A ver cant@s artistas temos nas casas!






mércores, 8 de abril de 2020

4 xogos en liña en galego


Outra das novas publicadas por Nós Diario con recursos para pasar os días de confinamento doméstico ten que ver con xogos en liña.

Desta volta dan a coñecer estas propostas da AS-PG: O Trivial.Gz, o Ledtrad@s.gz, o Xogo da Curuxa e o Categorizando.

No artigo recollen unha breve descrición de cada xogo que pode resultar interesante para escoller un ou outro en función de gustos, intereses, idades das persoas que van xogar...

Para acceder aos xogos só cómpre rexistrarse na páxina da AS-PG á que remite directamente o artigo e xa se pode comezar a xogar (aínda que para xogar ao Trivial.Gz tamén se pode acceder como invitad@).

A xogar!

martes, 7 de abril de 2020

10 propostas en galego e de balde para ler durante o encerro



Nós Diario publicou o pasado sábado unha noticia na que informan de que "Baía Edicións libera un compendio de libros para nenas e adolescentes desde os 4 até máis de 12 anos".

Esta proposta súmase á da plataforma GaliciaLe que xa vos presentamos hai uns días e dota de recursos en liña para que a lectura sexa unha das formas de ocupar o tempo da rapazada durante o confinamento doméstico.

Esperamos que vos sexa útil!

Aquí vos deixamos a ligazón á noticia completa desde a que podedes acceder directamente á descarga dos títulos que ofrecen.

luns, 6 de abril de 2020

Gálix

Se hai uns días vos comentabamos que podiades acceder aos fondos dixitais das bibliotecas públicas de Galicia a través da plataforma GaliciaLe, e tamén o concurso "un poema na túa voz", hoxe deixámosvos unha información interesante para sacarlle máis partido a ese fondo de libros en galego: Gálix, a Asociación galega do libro infantil e xuvenil.

A través do seu blog e dos seus perfís nas redes sociais levan a cabo un labor de promoción e visibilización da cultura e da lingua galegas a través da literatura infantil e xuvenil.

Non perdades a ocasión de seguir as súas recomendacións!


domingo, 5 de abril de 2020

Domingo de Ramos...



Hoxe non sairemos coas palmas e os ramos de oliveira, mais poderemos seguir os oficios relixiosos a través da canle de YouTube da Parroquia de San Ildefonso en San Cibrao das Viñas.

Porque desde a casa tamén poderemos celebrar a nosa fe, hoxe e durante os oficios de Semana Santa, nos próximos domingos...

Feliz domingo!

sábado, 4 de abril de 2020

Podcast NALINGUA



Na era dos podcast, Vinte (colectivo que produce contidos de calidade en galego: vídeos, fotografía, ilustración, xornalismo) ofrécenos NALINGUA, "unha proposta transmedia para coñecer mellor a nosa literatura cunha nova perspectiva". 

NALINGUA é un podcast en galego presentando por un de Valladolid. A través de 5 episodios o xornalista Sergio Pascual fará un repaso sonoro polas novelas que máis lle gustaron da nosa literatura. Ademais, con cada episodio teremos unha reportaxe escrita que complementa algúns dos temas dos que se fala en cada libro. 

Que gocedes da proposta!

venres, 3 de abril de 2020

Proposta para as vacacións: Un poema na túa voz.

E chegaron as vacacións de Semana Santa...

Imos deixar atrás as rutinas escolares desde a casa e aproveitar os días para facermos na casa todas esas cousas para as que habitualmente non temos tempo.

Por se nestes días vos apetece, deixámosvos unha proposta de Gálix para encher de poesía os vosos días e regalárllela a todo o mundo: o Concurso "Un poema na túa voz"



Vai destinado a nenas e nenos de 6 a 14 anos e consiste en gravar un poema en galego e envialo ao concurso. Se vos animades a participar, bulide, o prazo remata o 10 de abril e podedes facelo desde a casa!

Aquí vos deixamos unha ligazón á información máis completa e ás bases do concurso.

xoves, 2 de abril de 2020

Concurso de micro-relatos OZOCOgz e



Para estes días nos que igual podemos dispoñer de máis tempo para escribir, aí vai unha proposta de OZOCOgz: 8ª edición do Concurso de micro-relatos.

Desta volta o tema é "a infancia".

Tedes de prazo ata o 30 de abril para publicar o voso micro-relato dun máximo de 140 palabras no voso perfil de Facebook ou envialo por correo electrónico a ozocogz@gmail .

Deixámosvos aquí as bases para que poidades coñecer máis polo miúdo o obxecto deste concurso.

Ah, tamén teñen un mini-concurso en Facebook e Instagram para estes días de confinamento doméstico. Trátase de descubrir a qué obra clásica da literatura galega pertence o fragmento que comparten diariamente. Visitade os seus perfís se queredes saber máis.

mércores, 1 de abril de 2020

Xoga con Feiraco: actividades para a corentena.



Moitas son as entidades, empresas e colectivos que están deseñando actividades e propostas para que a rapazada leve o mellor posible este tempo de confinamento doméstico.

Hoxe compartimos con vós estes recursos preparados polo equipo de Feiraco: un debuxo para pintar, unir puntos, un labirinto e unha sopa sinxeliña para os máis pequenos da casa.

Tamén nos animan a compartir os resultados nas nosas redes sociais e etiquetar a marca para que as compartan.


Desexamos que vos sexan de utilidade.

Moito ánimo, peques, que o estades a facer xenial!