Amosando publicacións coa etiqueta escribir en galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta escribir en galego. Amosar todas as publicacións

venres, 26 de marzo de 2021

"O charco de Ulises", representación do Centro Dramático Galego.

 E se nós non podemos ir ao teatro, o teatro vén a nós.

O Centro Dramático Galego convidou os centros educativos a participar nunha adaptación da súa última produción: O charco de Ulises, unha relectura do clásico relacionada coa migración de galegos e galegas a América no século pasado.

A través da pantalla non é o mesmo, pero é un xeito de non renunciar á cultura e de descubrir tamén novas propostas culturais que non animen a gozar delas en directo nos teatros. Ademais desta volta puidemos conversar co director do CDG e tamén coas persoas que dirixiron a posta en escena!









venres, 5 de marzo de 2021

Concurso de relato curto de Coca Cola

 Un grupo de alumnas de 3º ESO participaron nesta 12ª edición do concurso na modalidade de galego, que pola pandemia se readaptou e foi a través do ordenador.

Historias, imaxinación... Tamén en galego.

Sorte a todas!











luns, 16 de novembro de 2020

Magosto

 




Outra celebración tan nosa que se tivo que adaptar á situación COVID... Mais no noso cole, nas aulas, seguimos celebrando o San Martiño, seguimos coñecendo e celebrando a tradición dos magostos, tan nosa.

luns, 2 de novembro de 2020

Celebramos o Samaín





 Aínda que este ano por mor da pandemia tivemos que adaptar esta celebración, non deixamos de festexala nas aulas.

venres, 30 de outubro de 2020

Xeración Nós: aprendemos e damos a coñecer.

Aprendemos nas aulas e preparamos para dárllelo a coñecer ao resto das familias e o alumnado a través do taboleiro do pórtico.
Infantil comezou poñendo o fondo e os seus rostros nas letras. Secundaria completou con imaxes, citas e datos. Traballo en equipo!


















luns, 27 de abril de 2020

Aí vén o maio...


Aquí vos compartimos a iniciativa da Asociación A Bela Auria para celebrarmos a festa dos maios.

Como recollen na páxina Cantádeme un maio:

A grave crise sanitaria que estamos a atravesar fai que este ano non poidamos celebrar a festa dos Maios na rúa.

É por iso que colectivos e persoas que tomamos parte desta tradición facemos un chamamento para a vivir desde a casa.

O domingo día 3 publica na rede as coplas (letras ou vídeos cantándoas) e as fotos dos Maios feitos co material que teñas na casa. Emprega o cancelo #CantádemeUnMaio nas túas publicacións.

Esta iniciativa quere dar voz a un elemento da nosa oralidade, da nosa cultura, que pide que non a canceles.

#CantádemeUnMaio non terá carácter competitivo, aínda que si contará cun concurso de coplas moi “especial”.

Se non sabedes como compoñer as vosas coplas, ademais de na páxina anterior aquí vos deixamos un vídeo-titorial no que Eira Losada, de Nubes Baixo Ti, volo explica moi ben...


E un exemplo dunhas copias nas que seguro que coñeceredes a animadoras e animadores de Amencer.



Animádevos a crear o voso maio e as vosas coplas en familia e a compartilo coas e cos profes e nas vosas redes sociais!

venres, 24 de abril de 2020

Mellora o teu galego escrito co EDLG: dicionarios, tradutores e correctores.


Seguimos recomendándovos recursos para que gañedes confianza á hora de escribir en galego.

Aínda que podedes atopar estas ferramentas na barra da dereita da páxina, hoxe queremos dedicar esta entrada do blog aos dicionarios, tradutores e correctores para axudarvos cos vosos textos en galego. Non son todos os que hai, pero si os que nós empregamos máis e cremos que vos poden ser de utilidade. 

Aínda que o que compartimos aquí son páxinas web, recomendámosvos instalar no móbil algúns destes recursos na súa versión app (tradutor Gaio, dicionario da RAG, diccionario Galnet...) para que poidades botar man destas ferramentas en calquera momento e lugar.

Dicionarios:
- O da Real Academia Galega. Permite facer buscas simples como calquera dicionario en liña, pero tamén se poden buscar sinónimos ou empregar a busca avanzada para atopar palabras que comezan por, que conteñen, que rematan por... Paga a pena investigar todas as posibilidades que ofrece.

- Digalego da Xunta de Galicia. Permite procurar a definición dos termos, buscar sinónimos e usar o conxugador.

- Diccionario Galnet da Universidade de Vigo. É moi moi útil para consultar como se di unha palabra en varias linguas! A opción web é de uso moi técnico, pero a aplicación móbil é moi sinxela e útil.

Tradutores:
- Opentrad.com. Ofrece unha versión gratuíta bastante boa (aínda que como con todos os tradutores, hai que revisar o texto antes de dálo por bo, porque é unha máquina e executa ordes pero non pensa...). No caso que nos ocupa, serve para traducir textos ao galego ou do galego a outras linguas.

- Tradutor Gaio da Xunta de Galicia. Tamén este existe como aplicación móbil. Útil se só precisades traducir texto sen formato ou páxinas web.

Google tamén ten o seu propio tradutor. É un recurso útil para saír dun apuro ou en situacións concretas e puntuais, máis non é a mellor opción para traducir documentos de carácter máis formal. 

Como complemento ao uso de tradutores recomendamos empregar correctores ortográficos para revisar os textos (nos propios procesadores de texto atoparedes esa opción e se non, sempre poderedes botar man da ferramenta que ofrece a Universidade de Vigo, o OrtoGal). E por suposto, revisade sempre o texto ao final!

venres, 17 de abril de 2020

Mellora o teu galego escrito co EDLG...


Recursos para mellorar a competencia lingüística en galego: O OrtoGal.

Tedes que escribir un texto en galego e queredes comprobar que é correcto desde o punto de vista ortográfico?

A mellor opción é empezar por seleccionar o idioma no que ides escribir no procesador de textos. É doado, na parte inferior do documento aparece un comando no que vos deixa seleccionar o idioma (tanto en Word como en LibreOffice). Escollede galego se non o ten configurado así por defecto e xa está.

Comezando así, xa podedes comprobar a ortografía directamente no propio documento.

Unha vez rematedes, tedes a opción de pasalo polo corrector en liña que ofrece a Universidade de Vigo: o OrtoGal.

Usalo é moi doado: seleccionades o texto que queirades revisar e copiádelo (o máis rápido é pulsando á vez Ctrl+C) e pegádelo (Ctrl+V) nesta páxina do OrtoGal substituíndo o texto que aparece por defecto na páxina.

Despois premedes sobre o botón ABC que aparece á dereita do texto e revisades a ortografía. Tedes a opción de revisar unha por unha as palabras que o corrector considera incorrectas (opción máis recomendable porque o corrector corrixe automaticamente, pero non pensa) ou todas de vez.

Volvedes copiar o texto para pegalo no documento que esteades escribindo e xa está!

Esperamos que vos sexa útil este recurso.

xoves, 2 de abril de 2020

Concurso de micro-relatos OZOCOgz e



Para estes días nos que igual podemos dispoñer de máis tempo para escribir, aí vai unha proposta de OZOCOgz: 8ª edición do Concurso de micro-relatos.

Desta volta o tema é "a infancia".

Tedes de prazo ata o 30 de abril para publicar o voso micro-relato dun máximo de 140 palabras no voso perfil de Facebook ou envialo por correo electrónico a ozocogz@gmail .

Deixámosvos aquí as bases para que poidades coñecer máis polo miúdo o obxecto deste concurso.

Ah, tamén teñen un mini-concurso en Facebook e Instagram para estes días de confinamento doméstico. Trátase de descubrir a qué obra clásica da literatura galega pertence o fragmento que comparten diariamente. Visitade os seus perfís se queredes saber máis.

venres, 20 de marzo de 2020

XII Xornadas da Lingua: Eu falo, ti podes, inténtao!

Unha ampla oferta de actividades que comezan a principios de marzo e algunhas chegaran até finais de xuño.

PARA TODO O COLEXIO
· Ambientación de aulas, corredores, patios e portería.
· Bos días radiofónicos e de televisión escolar interna do 2 ao 6 de marzo.


EDUCACIÓN INFANTIL

· “A mochila viaxeira” libros en galego que van de casa en casa para lelos en familia.
· “Conto colectivo” os máis maiores de EI crearan entre todos un conto.


EDUCACIÓN PRIMARIA

· “O conto viaxeiro da educación viaria” para 1º e 2º.


EDUCACIÓN SECUNDARIA

· Titorías de sensibilización sobre o galego con xogo en liña “O Preguntoiro”.
EP, ESO E BAC.

· “Achegamento a Xeración Nós” a través das clases de Lingua Galega
EI, EP, ESO E BAC.
· Exposición  “A Xeración Nós, vista por nós”


NOS RECREOS

· Exposición e venta dos materiais “normalizadores (EDLG, Amencer, Ozoco)
· ”Recreos vivos en Educación Primaria: Cantamos os temas de Uxía Lambona e a banda molona, Guadi, galeoke...
· “Posadoiro”: gústame o galego porque... cada quen completa a frase e tira unha foto.
· Proxecto televisión en galego: Gravar vídeos co alumnado que o desexe contando chistes, por que falar en galego, contar un conto...


PARA TODA A COMUNIDAD EDUCATIVA

* Encontros con... Afonso Vázquez Monxardín, escritor e experto en historia, lingua e investigación, co relatorio “Un tempo, unha xente, unha revista... Nós”.

* I Concurso de fotografía “Gustas do galego?”
* XXI Concurso de Hipercurtos contos.
* Baleirado da enquisa ... por que non falas galego de cotío no cole?
* Presentación dunha nova edición de textos de AA. AA. recollidos polo EDLG no Centenario.
* Reparto de materiais didácticos entre o profesorado de E. Infantil Educación Primaria, ESO e Bacharelato.


NA CONTORNA

· Contaxiar o uso da lingua galega tamén no ámbito empresarial, comercial … a través das familias do centro:
o   Pegada de carteis “Mellor dito” nos establecementos de Ourense.
o   Pegada de carteis “Nós atendemos en galego” nos establecementos de Ourense.

· Dar a coñecer aos medios de comunicación e as familias do noso alumando o que se está a realizar en prol da lingua e cultura galega nestas xornadas e durante todo o curso.


luns, 2 de marzo de 2020

Presentación das XII Xornadas da Lingua




O EDLG, Equipo de Dinamización de Lingua Galega do colexio salesiano presentou aos medios de comunicación en rolda de prensa o luns 2 de marzo ás 11:15h na Aula Magna de Salesianos as  XII XORNADAS DA LINGUA co lema  “Eu falo, ti podes. Inténtao!”. 

Estiveron presentes no acto Mª José Cabaleiro e Xulio C. Iglesias, membros do EDLG de Salesianos. 

O obxectivo destas xornadas é realizar unha campaña de sensibilización, aprecio e posta en valor da lingua galega entre o alumnado de EI, EP, ESO e Bac., profesorado, PAS e familias do noso centro.