Amosando publicacións coa etiqueta ESO-Bacharelato. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ESO-Bacharelato. Amosar todas as publicacións

venres, 5 de marzo de 2021

Concurso de relato curto de Coca Cola

 Un grupo de alumnas de 3º ESO participaron nesta 12ª edición do concurso na modalidade de galego, que pola pandemia se readaptou e foi a través do ordenador.

Historias, imaxinación... Tamén en galego.

Sorte a todas!











luns, 4 de maio de 2020

Aprendendo con... Afonso Vázquez-Monxardín



Tanto o que publica na sección de Cultura en "A fala dos vellos" como en "Bolboretiña" (ou nos seus artigos de opinión) évos ben interesante para coñecer particularidades, curiosidades, usos e recursos da nosa lingua.

Animásmovos a botarlle unha ollada para aprendermos e valorarmos aínda máis o galego.

Boa semana!

venres, 1 de maio de 2020

Aí vén o maio...

Compartimos con vós esta publicación e este vídeo musical do Consello da Cultura Galega para celebrar este día e a festividade deste tempo:


"O maio" é un dos poemas máis coñecidos de Curros Enríquez no que o poeta invoca unha primavera de liberdade e xustiza. Neste Primeiro de Maio tan diferente, o Consello da Cultura Galega (CCG) vén de xuntar nun proxecto celebrativo este poema reivindicativo de Curros coas novas voces da música galega. O resultado é un vídeo musical que mestura rumba con influencias da música tropical para dar a benvida ao mes de maio e, de paso, celebrar a vida cun alento solidario. Haberá mil primaveras máis!

xoves, 30 de abril de 2020

Aprendendo desde a casa: Meteoxenios.


Tamén hai contidos educativos para que o alumnado maior tamén continúe aprendendo desde a casa mentres non se poida regresar ás aulas.

Deixámosvos a ligazón a Meteoxenios, un programa da CRTVG co que aprenderemos sobre meteoroloxía e climatoloxía da man de Xacobo de Toro. Tamén podedes atopar máis información no seu blog.

Desde a páxina poderedes acceder ao resto dos capítulos emitidos.

venres, 24 de abril de 2020

Mellora o teu galego escrito co EDLG: dicionarios, tradutores e correctores.


Seguimos recomendándovos recursos para que gañedes confianza á hora de escribir en galego.

Aínda que podedes atopar estas ferramentas na barra da dereita da páxina, hoxe queremos dedicar esta entrada do blog aos dicionarios, tradutores e correctores para axudarvos cos vosos textos en galego. Non son todos os que hai, pero si os que nós empregamos máis e cremos que vos poden ser de utilidade. 

Aínda que o que compartimos aquí son páxinas web, recomendámosvos instalar no móbil algúns destes recursos na súa versión app (tradutor Gaio, dicionario da RAG, diccionario Galnet...) para que poidades botar man destas ferramentas en calquera momento e lugar.

Dicionarios:
- O da Real Academia Galega. Permite facer buscas simples como calquera dicionario en liña, pero tamén se poden buscar sinónimos ou empregar a busca avanzada para atopar palabras que comezan por, que conteñen, que rematan por... Paga a pena investigar todas as posibilidades que ofrece.

- Digalego da Xunta de Galicia. Permite procurar a definición dos termos, buscar sinónimos e usar o conxugador.

- Diccionario Galnet da Universidade de Vigo. É moi moi útil para consultar como se di unha palabra en varias linguas! A opción web é de uso moi técnico, pero a aplicación móbil é moi sinxela e útil.

Tradutores:
- Opentrad.com. Ofrece unha versión gratuíta bastante boa (aínda que como con todos os tradutores, hai que revisar o texto antes de dálo por bo, porque é unha máquina e executa ordes pero non pensa...). No caso que nos ocupa, serve para traducir textos ao galego ou do galego a outras linguas.

- Tradutor Gaio da Xunta de Galicia. Tamén este existe como aplicación móbil. Útil se só precisades traducir texto sen formato ou páxinas web.

Google tamén ten o seu propio tradutor. É un recurso útil para saír dun apuro ou en situacións concretas e puntuais, máis non é a mellor opción para traducir documentos de carácter máis formal. 

Como complemento ao uso de tradutores recomendamos empregar correctores ortográficos para revisar os textos (nos propios procesadores de texto atoparedes esa opción e se non, sempre poderedes botar man da ferramenta que ofrece a Universidade de Vigo, o OrtoGal). E por suposto, revisade sempre o texto ao final!

xoves, 23 de abril de 2020

Aprendendo xeoloxía e mineroloxía en galego: Xeoclip


A CRTVG ofrece contidos científicos a través do programa Xeoclip por medio do que poderemos aprender, reforzar e ampliar algúns dos coñecementos aprendidos nas aulas.

Cremos que pode ser un bo complemento ao material que vos está enviando o profesorado a través da Plataforma para que poidades seguir aprendendo desde a casa dunha maneira diferente.

Ao igual que os outros contidos educativos que está ofrecendo a CRTVG podedes seguilos a diario desde a TVG2 polas mañás ou a través da páxina desde a que ofrecen contidos á carta.

venres, 17 de abril de 2020

Mellora o teu galego escrito co EDLG...


Recursos para mellorar a competencia lingüística en galego: O OrtoGal.

Tedes que escribir un texto en galego e queredes comprobar que é correcto desde o punto de vista ortográfico?

A mellor opción é empezar por seleccionar o idioma no que ides escribir no procesador de textos. É doado, na parte inferior do documento aparece un comando no que vos deixa seleccionar o idioma (tanto en Word como en LibreOffice). Escollede galego se non o ten configurado así por defecto e xa está.

Comezando así, xa podedes comprobar a ortografía directamente no propio documento.

Unha vez rematedes, tedes a opción de pasalo polo corrector en liña que ofrece a Universidade de Vigo: o OrtoGal.

Usalo é moi doado: seleccionades o texto que queirades revisar e copiádelo (o máis rápido é pulsando á vez Ctrl+C) e pegádelo (Ctrl+V) nesta páxina do OrtoGal substituíndo o texto que aparece por defecto na páxina.

Despois premedes sobre o botón ABC que aparece á dereita do texto e revisades a ortografía. Tedes a opción de revisar unha por unha as palabras que o corrector considera incorrectas (opción máis recomendable porque o corrector corrixe automaticamente, pero non pensa) ou todas de vez.

Volvedes copiar o texto para pegalo no documento que esteades escribindo e xa está!

Esperamos que vos sexa útil este recurso.

xoves, 16 de abril de 2020

Aquelando na casa!



Durante estes días nos que os escolares galegos tamén teñen que quedar confinados na casa para evitar o contaxio e propagación do Covid-19, a CRTVG adaptou os seus contidos matinais na súa segunda canle para ofrecer recursos educativos.

Nesta liña naceu Aquelando na casa!, a adaptación dos contidos de divulgación científica que vos presentamos onte á situación actual, de maneira que se poida seguir aprendendo contidos científicos experimentando desde a casa.

Desde aquí poderedes acceder a todos os programas emitidos ata hoxe.

A seguir aprendendo, #aquelanacasa!

mércores, 15 de abril de 2020

Divulgación científica: Aquelando.


Coñecedes este programa de divulgación científica para a rapazada que emite a TVG?

Son programas duns 30 min. de duración presentados por David Ballesteros (que xa estivo algunha vez polo cole falando de ciencia) e Manuel Vicente.

Aquelando "combina contidos atractivos para todos os públicos, como experimentos, análise de falsos mitos ou experiencias na rúa, con outros de maior carga técnica".

Xa sabedes, se queredes coñecer máis cousas sobre as leis de Newton, os fluídos, o aire, o corazón,  as enerxías renovables, etc. nesta ligazón poderedes acceder aos programas que a TVG ofrece na súa programación á carta.

Seguro que aprenderedes moito!