Pois si, o xoves 7 de marzo comezaron as XI Xornadas da Lingua no noso colexio.
Hai moitas actividades preparadas para o alumnado de todas as etapas educativas, para as familias, para o profesorado...
Aquí vos deixamos un vídeo de A Mesa pola Normalización Lingüística con dez ideas para revitalizarmos o uso do galego para que vos animedes a falar a nosa lingua, durante as xornadas e tamén no día a día.
Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, volve visitar o noso colexio nas Xornadas da Lingua.
Desta volta non falará dos prexuízos lingüísticos, senón da lingua galega como oportunidade.
A súa visita enmárcase dentro da actividade "Encontros con..." e está dirixida principalmente ao profesorado (como claustro formativo), pero tamén está aberta á participación das familias, do alumnado de bacharelato e de quen desexe achegarse.
Así que, xa sabedes, o martes 12 de marzo ás 17:45h. tedes unha cita na Aula Magna do colexio para aprender algo máis sobre as oportunidades que nos ofrece a nosa lingua.
Un ano máis (e xa van 11!) o EDLG do colexio organiza as Xornadas da Lingua para promover o uso do galego.
Haberá moitas actividades nas que poderemos participar. Desde EI ata Bacharelato. Alumnado, profesorado, PAS e familias. Formais e informais. Para xente de Salesianos e tamén abertas á cidade...
Animádevos a participar!
E xa sabedes cal é o noso lema: "Eu falo. Ti podes. Inténtao!".
O luns 25 de febreiro, xunto con outras compañeiras e compañeiros de colexios da cidade que pertencen a Escolas Católicas, participamos nunha homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do seu aniversario.
No Salón de Plenos da Deputación de Ourense lemos un manifesto e poemas da autora homenaxeada. Tamén cantamos unha canción composta hai uns anos por Elías, profesor de Franciscanas, para celebrar este día.
Personificación do Entroido no cadro de Pieter Bruegel o Vello A guerra do Entroido e a Coresma. Kunsthistorische Museum. Viena
Coñeces as expresións "vestir como un entroido" e "estar como un entroido"?
E o refrán "Martes de entroido e día de Pascua, cada larpeiro na súa casa"?
Aínda que en diversos puntos da provincia xa comenzaron a festexar o Entroido, no noso cole comezamos esta semana, cos mandados do meco e coas festas de disfraces por seccións.
Con motivo da celebración desta festa popular, aproveitamos para presentarvos un recurso que de seguro vos ha de ser moi útil para coñecer máis e mellor a lingua galega. Trátase do Portal das Palabras, unha iniciativa impulsada pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié. Conta con diferentes seccións nas que se dan a coñecer diferentes aspectos do léxico galego: Palabra do día, Setestrelo, Xogos, Mira que din... Na sección "Allos con bugallos" poderás atopar información sobre as expresións e refráns referidos ao Entroido coas que abrimos esta entrada no blog.
Tal e como aparece recollido no sitio web, "o Seminario de Lexicografía da RAG é o responsable de que cada semana se publiquen novos contidos, ben sexan xogos, vídeos, curiosidades léxicas, recursos ou novas. Todos os días propoñerase unha nova palabra da que recibiremos información sobre o seu significado, etimoloxía e outras referencias. Para estar ao tanto de todas as novidades é ben pasarse diariamente por estas páxinas ou estar conectado aos nosos espazos de Facebook e Twitter".
Xa sabes, se queres coñecer mellor este portal e saber máis do léxico galego, preme na ligazón incluída máis arriba ou bótalle unha ollada ao vídeo de presentación da súa web. Seguro que unha vez que o coñezas volverás a el en moitas máis ocasións.
O 24 de febreiro son moitos os colectivos que organizan diferentes actividades por todo o país para conmemorar a data de nacemento de Rosalía de Castro, muller que significou e significa moito para Galicia, para o galego, para as mulleres...
Destacamos estas tres que terán lugar en Ourense:
#LibreOMeuPensamento_rdc_19
* Domingo 24 ás 13h. na Praza Maior: Acto cultural organizado polo Grupo RosaLauria.
* Domingo 24 ás 18h. no Auditorio Municipal: "Rosalía pequeniña. Concerto". Será un espectáculo familiar gratuíto no que música e poesía van da man na voz de Uxía Senlle na Sala Principal.
Para quen aínda non coñezades o libro-CD, aquí vos deixamos un vídeo para empezar a celebralo...
* Luns 25, de 11:30h. a 12:30h., no Salón de Plenos da Deputación de Ourense: Celebración do Día de Rosalía organizado pola Coordinadora de Escolas Católicas de Ourense. Durante este acto, unha representación de alumnas e alumnos de Carmelitas, Franciscanas, Salesianos e Xosefinas lerán e interpretarán poemas da escritora.
Se vós tamén queredes festexar este día, compartide textos, fotos, etc. co cancelo