Amosando publicacións coa etiqueta recomendacións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recomendacións. Amosar todas as publicacións

luns, 4 de maio de 2020

Aprendendo con... Afonso Vázquez-Monxardín



Tanto o que publica na sección de Cultura en "A fala dos vellos" como en "Bolboretiña" (ou nos seus artigos de opinión) évos ben interesante para coñecer particularidades, curiosidades, usos e recursos da nosa lingua.

Animásmovos a botarlle unha ollada para aprendermos e valorarmos aínda máis o galego.

Boa semana!

martes, 28 de abril de 2020

Debuxos animados para as e os máis pequenos da casa: Tutu.


Dentro da oferta do Xabarín Club da CRTVG poderedes atopar diferentes programas de televisión para a rapazada.

Hoxe deixámosvos a ligazón para ver Tutu, unha serie de debuxos animados de factura galega.

Tutu é aventureiro, divertido e curioso. Xunto cos seus amigos e amigas resolverá en cada capítulo un novo problema, sempre desde a perspectiva da transmisión de valores e aprendizaxes para a cativada.

Cremos que é unha boa maneira de aprender valores e normalizar a lingua nos nosos fogares desde un contexto informal e nun formato atractivo. Ademais, os 7 minutos de duración de cada capítulo resultan suficientes para a exposición ás pantallas das pequenas e pequenos da casa.

Desexamos que pasedes moi bos e entretidos momentos con Tutu.

domingo, 26 de abril de 2020

Fe e galeguidade... Asociación Irimia.


Hoxe domingo queremos darvos a coñecer a Asociación Irimia. Foi fundada en 1978 e "desde aquela veu arroupando diversas actividades na liña de promover unha galeguidade cristiá, solidaria cos máis ignorados pola sociedade e en diálogo con calquera persoa ou colectivo comprometidos nos mesmos valores".

Para que coñezades mellor quen son e que fan, deixámosvos ligazón á súa páxina e á revista Irimia na que poderedes atopar moitos artigos interesantes sobre fe e galeguidade.

Agardamos que vos preste esta descuberta.

Feliz domingo!

venres, 3 de abril de 2020

Proposta para as vacacións: Un poema na túa voz.

E chegaron as vacacións de Semana Santa...

Imos deixar atrás as rutinas escolares desde a casa e aproveitar os días para facermos na casa todas esas cousas para as que habitualmente non temos tempo.

Por se nestes días vos apetece, deixámosvos unha proposta de Gálix para encher de poesía os vosos días e regalárllela a todo o mundo: o Concurso "Un poema na túa voz"



Vai destinado a nenas e nenos de 6 a 14 anos e consiste en gravar un poema en galego e envialo ao concurso. Se vos animades a participar, bulide, o prazo remata o 10 de abril e podedes facelo desde a casa!

Aquí vos deixamos unha ligazón á información máis completa e ás bases do concurso.

mércores, 1 de abril de 2020

Xoga con Feiraco: actividades para a corentena.



Moitas son as entidades, empresas e colectivos que están deseñando actividades e propostas para que a rapazada leve o mellor posible este tempo de confinamento doméstico.

Hoxe compartimos con vós estes recursos preparados polo equipo de Feiraco: un debuxo para pintar, unir puntos, un labirinto e unha sopa sinxeliña para os máis pequenos da casa.

Tamén nos animan a compartir os resultados nas nosas redes sociais e etiquetar a marca para que as compartan.


Desexamos que vos sexan de utilidade.

Moito ánimo, peques, que o estades a facer xenial!

martes, 31 de marzo de 2020

Animadoras e animadores contra o aburrimento. #euquedonacasa


As nosas compañeiras e compañeiros da Asociación Xuvenil Amencer, a través da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco seguen ofrecéndonos actividades de tempo libre tamén neste tempo de confinamento doméstico.

Mentres non poidamos volver gozar de estar coas amigas e os amigos nos grupos, esta é a súa nova proposta: "Animadoras e animadores contra o aburrimento". Así nola presentan:

"Os animadores e animadoras dos centros xuvenís da Federación Don Bosco queremos seguir aportando o noso traballo voluntario adaptándonos á situación actual, en contra do aburrimento e tratando de levar o mellor posible este confinamento. 
Por iso imos a publicar nesta web e nas webs dos 5 centros xuvenís  propostas de actividades diarias para facer na casa. Dividímolas en 3 áreas:
  • Móvete!  (xincanas, actividades deportivas, videoxogos, baile,...)
  • Crea!  (obradoiros, xogos de mesa, receitas,...)
  • Respira!   (lecturas, reflexións, para manter esperta a cabeza e o corazón)
Tamén teremos algunha proposta online para mozos que iremos desvelando pouco a pouco".

Así que, xa sabedes, cada día poderedes atopar nas páxinas indicadas novas propostas para gozar do tempo de lecer na casa.
Animádevos, seguro que haberá moitas propostas que vos interesen!

luns, 30 de marzo de 2020

Museos de Galicia: visitas en 3D


Durante estes días de confinamento doméstico nos que non debemos saír da casa se non é estritamente necesario, por precaución, por responsabilidade e por solidariedade. podemos aproveitar para facer visitas en tres dimensións aos museos de Galicia desde a páxina da Xunta.

O Museo do Viño, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo do Mar de Galicia, o Conxunto Etnográfico do Cebreiro, o Museo de Belas Artes de A Coruña... Entrade e facede a vosa visita desde a casa. Non é o mesmo, pero... Por aquí é de balde! ;-) Tempo haberá para visitar in situ os que máis vos chamen a atención.

 Aquí vos deixamos a ligazón: Visitas 3D museos.

domingo, 29 de marzo de 2020

Mundo de Milu


Hoxe achegámosvos un novo recurso, da man da Fundación Meniños: O mundo de Milu.

É unha web educativa, cun espazo dirixido fundamentalmente ás cativas e cativos na que recollen as súas achegas e propostas, os seus debuxos e comentarios... Mais nela tamén lles ofrecen xogos, ferramentas, ligazóns, libros...

Paralelamente vai dirixida ás persoas adultas que estamos en contacto cotián coa infancia, ben exercendo como nais, pais, titoras ou como persoal educativo, monitores de tempo libre...


Para estes días na casa recomendámosvos o xogo "O Reino das Emocións", destinado ás nenas e nenos de Educación Infantil e 1º, 2º de Primaria, a través do que poderemos aprenderlle á rapazada "a desenvolver as súas competencias emocionais por medio da historia de Draco, un dragón que chega ao Reino do Aloia para aprender a xestionar as súas emocións coa axuda da fada Andreia. Na súa viaxe coñece a diferentes personaxes, e de cada un deles leva unha ensinanza".

Desexamos que vos sexa de utilidade!

sábado, 28 de marzo de 2020

Liña aberta para familias. Meniños



Durante este momento de crise provocada polo COVID-19, compartimos este recurso destinado ás familias con fillos ou que convivan con menores.

Trátase dunha "liña de atención psicolóxica e acompañamento dirixida a calquera familia que se estea atopando con dificultades cos seus nenos, nenas e adolescentes".

Deste xeito, a Fundación Meniños que traballa pola protección da infancia e a adolescencia quere apoiar as familias nesta situación ante a que nos atopamos.

Ofrecen esta axuda a través dunha chamada telefónica ou do WhatsApp. En Ourense, o número de contacto é o 667 59 66 73 e o horario de atención é de luns a venres, de 10:00h. a 14:00h. e de 16:00h. a 18:00h.

Tanto se a necesitades vós como se coñecedes a alguén que o poida necesitar, contactade ou difundide a información. Porque tamén así axudamos!



Nota: Para ver a información en galego, non tedes máis que premer nesta opción de idioma na pestana que aparece na parte superior dereita da pantalla.

venres, 27 de marzo de 2020

#aculturasegue


Tal e como se informou nos pasados días a través dos medios, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo vén de pór en marcha a campaña #Aculturasegue para promover contidos culturais entre a cidadanía durante o período do estado de alarma polo coronavirus.

Se seguides este cancelo (#Aculturasegue) poderedes acceder aos contidos que se ofertan desde arquivos desta Administración, museos, bibliotecas... 

O obxectivo é ofrecer a través de Internet actividades de ocio cultural para toda a familia.

Así que xa sabedes, durante este tempo tamén poderedes acceder a contidos culturais desde a casa.

Podedes acceder a máis información sobre esta nova neste artigo publicado por Galicia Confidencial.

xoves, 26 de marzo de 2020

YouTube en galego


Gústache ver vídeos en YouTube? Segues a algún ou algunha "youtuber" na rede? Sabías que tamén existe unha canle de YouTube desde a que podes acceder a contidos en galego?

Por se aínda non coñeces Youtubeir@s, aquí che deixamos ligazón á páxina do proxecto (quen sabe se nalgún momento ti tamén te convertes nun youtubeiro ou nunha youtubeira e gañas algunha edición do premio que organizan!) e mais á súa canle en YouTube para que poidas ver os vídeos.

Ver e producir contidos audiovisuais en galego, esa é a idea!

Se es profe..., isto pode interesarche ;-)

Se alumna/o..., igual isto che parece interesante ;-)


E hai música? Por suposto!




E contidos para as cativas e cativos da casa? Como non!


Busca, busca! Xa sabes que "quen ben busca, sempre atopa!"

mércores, 25 de marzo de 2020

GaliciaLe


Coñeces GaliciaLe, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas?

Se tes o teu carné da rede de bibliotecas públicas de Galicia podes acceder desde calquera dos teus dispositivos electrónicos a un amplo fondo de libros e contidos (revistas, películas...) en formato dixital.

Se (aínda) non dispós do carné ou as claves de acceso, non te preocupes, durante o estado de alarma para evitar a propagación do contaxio por coronavirus poderás acceder igualmente a eBliblio Galicia e ao Catálogo galego. Como? Rexistrándote na plataforma. Enviaranche unhas claves de acceso; cando remate a corentena disporás de 30 días para achegarte á biblioteca e solicitar o carné (de balde) para poder seguir gozando das vantaxes de GaliciaLe e dos fondos da rede de bibliotecas públicas de Galicia.



A que é unha boa idea/opción?

Feliz lectura!

martes, 24 de marzo de 2020

Xornais dixitais en galego

Se queres estar ao día das noticias pero fas por evitar baixar á rúa para comprar o xornal, aquí vos deixamos a ligazón a dous medios galegos que vos poden vir ben para agora e mais tamén para cando todo isto pase (que pasará!).



Feliz lectura!

luns, 23 de marzo de 2020

Contos en galego. Colectivo NOGA

Gustaríavos ter acceso a contos contados en galego?

Durante estes días de illamento doméstico, moitos son os organismos, entidades e colectivos que comparten na rede contidos culturais.

Desta volta recomendámosvos a canle de Youtube do colectivo NOGA (Narración Oral GAlega). Nela atoparedes vídeos con contos para todas as idades (ollo, que tamén hai historias destinadas ao público adulto!).

Aquí vos deixamos a ligazón á canle e tamén algúns vídeos para que poidades botarlles unha ollada.

Feliz "lectura"!


O almorzo de Xana, por Cris Collazo (público infantil)




O rei que lle tiña medo ás agullas, por Felipe Díaz Caxoto (público infantil)



domingo, 22 de marzo de 2020

Coñeces GCiencia?

Desde a páxina de gciencia.gal podemos acceder a todo tipo de contidos de interese social.

Como o mesmo equipo de profesionais que xestiona os contidos afirma, o obxectivo é "achegar a ciencia e a tecnoloxía ao conxunto da sociedade galega". 

"Ao longo da súa traxectoria, gciencia.gal converteuse no nativo dixital máis lido de Galicia e o quinto de todos os medios galegos na Internet, ademáis do primeiro en galego".

Así que se queredes estar informados sobre o coronavirus ou outros contidos científicos de interese, esta é unha boa opción.

sábado, 21 de marzo de 2020

Aulas Galegas: O portal educativo para as familias


Nesta primeira semana sen aulas para o alumnado despois de terse decretado o estado de alarma desde o Goberno Central e a Xunta de Galicia para evitar a propagación do coronavirus, un colectivo de profesoras e profesores galegos decidiu impulsar AULAS GALEGAS, un portal educativo para axudar o alumnado e as familias ofrecendo recursos educativos clasificados por cursos e áreas/materias.

Aínda que no noso colexio o profesorado vos estamos enviando propostas adaptadas ao que viñamos traballando nas aulas ata agora, non está de máis ofrecervos máis recursos para que poidades levar algo mellor o tempo de illamento doméstico.

Detrás deste proxecto hai máis de 200 profes que, sen ánimo de lucro, están traballando para ofrecer contidos de calidade e adaptados á realidade do noso país. Cada día publican novos recursos. Podedes seguir as novas tanto na web como nas redes sociais: Facebook, Instagram...

Esperamos que vos sexa de utilidade!

Ánimo e a seguir na casa!

Proposta de rutinas diarias. Educación contra o coronavirus. UNICEF

Aquí vos deixamos unha ligazón á páxina de UNICEF Educación na que nos propoñen 10 tarefas da rutina diaria para estes días de illamento doméstico por causa do coronavirus.

Segundo este organismo "O establecemento de rutinas nestes días de illamento doméstico é unha oportunidade para contar coa opinión, a responsabilidade e o compromiso de nenos, nenas e adolescentes".

Sabemos que non é doado, sabemos que vivimos días incertos e cheos de dificultades, mais non podemos desaproveitar a oportunidade de seguir educando desde a casa.

Apertas e moito ánimo, familias!

Contos en galego para a rapazada


Para estes días nos que nos toca quedar na casa, moitos son os recursos que circulan polas redes para axudarnos a pasar mellor as horas coas nenas e nenos.

Hoxe queremos compartir con vós a oferta de Kalandraka tv.

Na súa páxina ofrécennos cada día un conto narrado en galego. Unha boa idea para ofrecerlle á rapazada cultura de calidade en galego.

Desexamos que lle saquedes moito proveito.

Ánimo para todas e todos!

venres, 20 de marzo de 2020

Plan de cine para os máis grandes da casa...


Nesta fin de semana na que teremos que quedar na casa por precaución, responsabilidade e responsabilidade, compartimos convosco esta proposta de Vía Láctea Filmes, TVG e Editorial Galaxia, produtoras de A Esmorga. 

Ofrecen o filme da adaptación da novela de Eduardo Blanco Amor de balde desde o venres 20 de marzo ás 20:00h. ata o luns 23 ás 06:00h. para contribuír así a "acadar a disposición de espírito para a AFOUTEZA", en palabras da editorial.

Xa sabedes, ver cine galego e en galego pode ser unha boa opción esta fin de semana. 

Apuntádesvos?

(Premendo no título iredes directamente á páxina desde a que poderedes ver a película).

venres, 24 de xaneiro de 2020

Este mes convidámoste a visitar...


O blog "Sendeiro Periurbano Ourense" na páxina de Voz Natura.

Está xestionado por un equipo de profes do noso colexio e nel poderedes seguir todas as actividades relacionadas coa natureza que se realizan en todo o centro.

O curso pasado gañamos o premio Galicia polo proxecto NATUREZAULA: Sentir, aprender e actuar.


Bótalle unha ollada, é ben interesante...

Porque tamén é importante coñecermos a nosa contorna e poder chamarlle ás cousas tamén polo seu nome en galego.