Amosando publicacións coa etiqueta literatura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta literatura. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de abril de 2020

Para celebrarmos o Día do Libro...

O próximo día 23 celébrase o Día do Libro. Este ano vai ser ben diferente e non poderemos saír á rúa a visitar os postos nos que as libreiras e libreiros dan a coñecer as novas propostas das editoriais, as máis exitosas, os clásicos...

Pero non queremos deixar de celebrar ese día, polo que volvemos deixarvos a ligazón á plataforma GaliciaLe desde a que podemos acceder os libros en formato dixital que nos ofrece a rede de bibliotecas públicas de Galicia e tamén unha ligazón ao programa "Cada día un libro", o microespazo da CRTVG no que cada día se recomendaba unha lectura.

Por se non coñecedes moitos títulos en galego, aquí atoparedes propostas que se adapten os vosos gustos literarios.

Feliz lectura!

luns, 6 de abril de 2020

Gálix

Se hai uns días vos comentabamos que podiades acceder aos fondos dixitais das bibliotecas públicas de Galicia a través da plataforma GaliciaLe, e tamén o concurso "un poema na túa voz", hoxe deixámosvos unha información interesante para sacarlle máis partido a ese fondo de libros en galego: Gálix, a Asociación galega do libro infantil e xuvenil.

A través do seu blog e dos seus perfís nas redes sociais levan a cabo un labor de promoción e visibilización da cultura e da lingua galegas a través da literatura infantil e xuvenil.

Non perdades a ocasión de seguir as súas recomendacións!


sábado, 4 de abril de 2020

Podcast NALINGUA



Na era dos podcast, Vinte (colectivo que produce contidos de calidade en galego: vídeos, fotografía, ilustración, xornalismo) ofrécenos NALINGUA, "unha proposta transmedia para coñecer mellor a nosa literatura cunha nova perspectiva". 

NALINGUA é un podcast en galego presentando por un de Valladolid. A través de 5 episodios o xornalista Sergio Pascual fará un repaso sonoro polas novelas que máis lle gustaron da nosa literatura. Ademais, con cada episodio teremos unha reportaxe escrita que complementa algúns dos temas dos que se fala en cada libro. 

Que gocedes da proposta!

venres, 3 de abril de 2020

Proposta para as vacacións: Un poema na túa voz.

E chegaron as vacacións de Semana Santa...

Imos deixar atrás as rutinas escolares desde a casa e aproveitar os días para facermos na casa todas esas cousas para as que habitualmente non temos tempo.

Por se nestes días vos apetece, deixámosvos unha proposta de Gálix para encher de poesía os vosos días e regalárllela a todo o mundo: o Concurso "Un poema na túa voz"



Vai destinado a nenas e nenos de 6 a 14 anos e consiste en gravar un poema en galego e envialo ao concurso. Se vos animades a participar, bulide, o prazo remata o 10 de abril e podedes facelo desde a casa!

Aquí vos deixamos unha ligazón á información máis completa e ás bases do concurso.

luns, 1 de outubro de 2018

Premio Frei Martín Sarmiento, anímaste a ler?





Un ano máis (e xa van 13!), invitámosvos a participar no Premio Frei Martín Sarmiento organizado por Escolas Católicas de Galicia lendo DOUS libros en galego, como xa explicamos nas reunións de inicio de curso.

Só tedes que lelos e puntualos de 0 a 10. O prazo empeza agora e remata a finais de abril de 2019.

No curso pasado participamos 803 rapaces/as e 135 persoas adultas.

Na categoría de persoas adultas pode inscribirse calquera que se anime a ler: nais, pais, avoas, avós, irmás e/ou irmáns maiores, profesorado, animadoras e animadores de tempo libre, adestradoras e adestradores...

Así que xa sabedes: contaxiade o gusto pola lectura e inscribídevos!

Ilusiónanos moito esta proposta e desexamos que todas e todos gocemos lendo en galego e contaxiemos ese gusto a toda a nosa familia.
 
As obras seleccionadas para a presente edición son:


EIRÉ, AFONSO; Memorias dunha vaca marela; Hércules de Ediciones


VILA BALEATO, LITO; Campus Morte; Ed. Galaxia


Unha aperta chea de libros que nos fan libres. Feliz lectura!

Se queredes saber máis do premio, aquí vos deixamos a ligazón ao blog.

martes, 27 de febreiro de 2018

Pioneiras. Galegas que abriron camiño.


"Unha das primeiras correspondentes de guerra foi galega, tamén unha das primeiras navegantes, escritoras ou directoras dun xornal. Este libro fala de doce mulleres que conseguiron vencer as barreiras impostas ao seu xénero e dar os primeiros pasos por vieiros transitados ata ese momento só por homes. Mulleres reais e diversas que no seu día foron pioneiras en diferentes ámbitos e cuxas historias merecen ser coñecidas e postas en valor."

Así presenta Xerais esta obra na súa páxina web.

O próximo luns 5 de marzo comezaremos no colexio as X Xornadas da Lingua. Nesta edición o alumnado traballará o tema da muller desde a clase de Inglés, relacionando as Xornadas coa celebración do Día da Muller o 8 de marzo. A través desta actividade coñecerán mulleres galegas que fixeron historia, dun xeito ou outro. 

Poderedes seguir as novas en imaxes a través das redes sociais do colexio.

domingo, 25 de febreiro de 2018

Bo día, acougo


Como ben sabedes, no colexio estamos traballando o tema das emocións en todas as etapas educativas.

Hoxe deixámosvos unha recomendación para traballar coas vosas fillas e fillos "exercicios de relaxación con palabras e movementos": Bo día, acougo, un libro de Anne Crahay publicado por Tambre (Edelvives) en 2017.

Desexamos que vos axude a compartir con elas e eles momentos especiais e que aprendan a xestionar as emocións de maneira positiva.

sábado, 7 de outubro de 2017

Para amantes da literatura e os libros...


Sabías que na radio galega hai un programa sobre literatura que presenta e dirixe María Solar?

Podes escoitalo todos os sábados ás 15:00h.

Se aínda non o escoitaches nunca (ou se queres volver escoitar algún dos emitidos), nesta ligazón poderás acceder a todos os podcast: http://www.crtvg.es/rg/programas/chamando-a-terra.

Podes seguir as novas do programa tamén a través da súa páxina en Facebook.

Gústache ler?

 
Neste curso tamén vos ofrecemos a posibilidade de participar no Premio literario Frei Martín Sarmiento, que consiste en ler ao longo do curso dúas obras en galego e puntualas de 0 a 10.

A participación do alumnado xestiónase desde o profesorado de EI, EP e ESO-Bac. As persoas adultas que queirades participar podedes inscribirvos a través da circular que vos entregamos na reunión de inicio de curso (se non a tedes, podedes coller unha en Secretaría).

As obras seleccionadas este curso son: 

* RIVEIRO COELLO, ANTÓN; A ferida do vento; Ed. Galaxia.
* FRAGA, ANTONIO M. ; A virxe das areas; Edicións Embora.

Se che gusta ler, anímate e participa. O teu exemplo é a mellor campaña de fomento da lectura!

Para máis información, pregúntanos ou accede ao blog do Premio nesta ligazón: http://www.blogoteca.com/sarmiento/

domingo, 5 de marzo de 2017

"Escribindo o futuro". Encontros con...

Compartides con nós a honra e o privilexio de charlar con Diego Ameixeiras, María Canosa, Francisco Castro e Carlos Vila Sexto?

Este martes, 7 de marzo ás 17:45h. na Aula Magna do colexio.

Ao rematar seguiremos cun encontro informal na Sala Aberta, degustando os doces que se presenten ao II Concurso de doces tradicionais galegos.

Agardámosvos!