Amosando publicacións coa etiqueta cultura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cultura. Amosar todas as publicacións

venres, 26 de marzo de 2021

"O charco de Ulises", representación do Centro Dramático Galego.

 E se nós non podemos ir ao teatro, o teatro vén a nós.

O Centro Dramático Galego convidou os centros educativos a participar nunha adaptación da súa última produción: O charco de Ulises, unha relectura do clásico relacionada coa migración de galegos e galegas a América no século pasado.

A través da pantalla non é o mesmo, pero é un xeito de non renunciar á cultura e de descubrir tamén novas propostas culturais que non animen a gozar delas en directo nos teatros. Ademais desta volta puidemos conversar co director do CDG e tamén coas persoas que dirixiron a posta en escena!









luns, 23 de novembro de 2020

As visitas culturais... Agora telemáticas!

 A COVID cambiou moitas dinámicas da escola. Entre elas, as visitas ás exposicións, que agora son telemáticas.

Pero non todo o que nos trouxo a pandemia é "malo", con ela tamén chegaron oportunidades como a de visitar a Exposición De Nós a nós do Gaiás ubicada na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.






luns, 18 de maio de 2020

Cantádeme un maio... Con outras e outros!

Ademais de celebrar a festa dos maios con deseños creativos creados para tarefas escolares, tamén participamos desde as nosas casas na iniciativa cultural

Así, alumnas e alumnos, profes e familias participamos cantando unhas coplas sumándonos á colaboración que achegou a Asociación Xuvenil Amencer.

Aquí podedes ver o resultado.


venres, 8 de maio de 2020

Aí vén o maio...

Durante o mes de maio traballamos desde a casa esta tradición tan propia destas datas na nosa cidade.

Porque o confinamento non pode evitar que sigamos celebrando as nosas festas.

Aquí vos deixamos algunhas das creacións do alumnado. Canta creatividade!






luns, 27 de abril de 2020

Aí vén o maio...


Aquí vos compartimos a iniciativa da Asociación A Bela Auria para celebrarmos a festa dos maios.

Como recollen na páxina Cantádeme un maio:

A grave crise sanitaria que estamos a atravesar fai que este ano non poidamos celebrar a festa dos Maios na rúa.

É por iso que colectivos e persoas que tomamos parte desta tradición facemos un chamamento para a vivir desde a casa.

O domingo día 3 publica na rede as coplas (letras ou vídeos cantándoas) e as fotos dos Maios feitos co material que teñas na casa. Emprega o cancelo #CantádemeUnMaio nas túas publicacións.

Esta iniciativa quere dar voz a un elemento da nosa oralidade, da nosa cultura, que pide que non a canceles.

#CantádemeUnMaio non terá carácter competitivo, aínda que si contará cun concurso de coplas moi “especial”.

Se non sabedes como compoñer as vosas coplas, ademais de na páxina anterior aquí vos deixamos un vídeo-titorial no que Eira Losada, de Nubes Baixo Ti, volo explica moi ben...


E un exemplo dunhas copias nas que seguro que coñeceredes a animadoras e animadores de Amencer.



Animádevos a crear o voso maio e as vosas coplas en familia e a compartilo coas e cos profes e nas vosas redes sociais!

venres, 27 de marzo de 2020

#aculturasegue


Tal e como se informou nos pasados días a través dos medios, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo vén de pór en marcha a campaña #Aculturasegue para promover contidos culturais entre a cidadanía durante o período do estado de alarma polo coronavirus.

Se seguides este cancelo (#Aculturasegue) poderedes acceder aos contidos que se ofertan desde arquivos desta Administración, museos, bibliotecas... 

O obxectivo é ofrecer a través de Internet actividades de ocio cultural para toda a familia.

Así que xa sabedes, durante este tempo tamén poderedes acceder a contidos culturais desde a casa.

Podedes acceder a máis información sobre esta nova neste artigo publicado por Galicia Confidencial.

xoves, 26 de marzo de 2020

YouTube en galego


Gústache ver vídeos en YouTube? Segues a algún ou algunha "youtuber" na rede? Sabías que tamén existe unha canle de YouTube desde a que podes acceder a contidos en galego?

Por se aínda non coñeces Youtubeir@s, aquí che deixamos ligazón á páxina do proxecto (quen sabe se nalgún momento ti tamén te convertes nun youtubeiro ou nunha youtubeira e gañas algunha edición do premio que organizan!) e mais á súa canle en YouTube para que poidas ver os vídeos.

Ver e producir contidos audiovisuais en galego, esa é a idea!

Se es profe..., isto pode interesarche ;-)

Se alumna/o..., igual isto che parece interesante ;-)


E hai música? Por suposto!




E contidos para as cativas e cativos da casa? Como non!


Busca, busca! Xa sabes que "quen ben busca, sempre atopa!"

mércores, 25 de marzo de 2020

GaliciaLe


Coñeces GaliciaLe, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas?

Se tes o teu carné da rede de bibliotecas públicas de Galicia podes acceder desde calquera dos teus dispositivos electrónicos a un amplo fondo de libros e contidos (revistas, películas...) en formato dixital.

Se (aínda) non dispós do carné ou as claves de acceso, non te preocupes, durante o estado de alarma para evitar a propagación do contaxio por coronavirus poderás acceder igualmente a eBliblio Galicia e ao Catálogo galego. Como? Rexistrándote na plataforma. Enviaranche unhas claves de acceso; cando remate a corentena disporás de 30 días para achegarte á biblioteca e solicitar o carné (de balde) para poder seguir gozando das vantaxes de GaliciaLe e dos fondos da rede de bibliotecas públicas de Galicia.



A que é unha boa idea/opción?

Feliz lectura!

sábado, 21 de marzo de 2020

Contos en galego para a rapazada


Para estes días nos que nos toca quedar na casa, moitos son os recursos que circulan polas redes para axudarnos a pasar mellor as horas coas nenas e nenos.

Hoxe queremos compartir con vós a oferta de Kalandraka tv.

Na súa páxina ofrécennos cada día un conto narrado en galego. Unha boa idea para ofrecerlle á rapazada cultura de calidade en galego.

Desexamos que lle saquedes moito proveito.

Ánimo para todas e todos!

venres, 20 de marzo de 2020

Plan de cine para os máis grandes da casa...


Nesta fin de semana na que teremos que quedar na casa por precaución, responsabilidade e responsabilidade, compartimos convosco esta proposta de Vía Láctea Filmes, TVG e Editorial Galaxia, produtoras de A Esmorga. 

Ofrecen o filme da adaptación da novela de Eduardo Blanco Amor de balde desde o venres 20 de marzo ás 20:00h. ata o luns 23 ás 06:00h. para contribuír así a "acadar a disposición de espírito para a AFOUTEZA", en palabras da editorial.

Xa sabedes, ver cine galego e en galego pode ser unha boa opción esta fin de semana. 

Apuntádesvos?

(Premendo no título iredes directamente á páxina desde a que poderedes ver a película).