Amosando publicacións coa etiqueta Educación Primaria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Educación Primaria. Amosar todas as publicacións

luns, 4 de maio de 2020

Aprendendo con... Afonso Vázquez-Monxardín



Tanto o que publica na sección de Cultura en "A fala dos vellos" como en "Bolboretiña" (ou nos seus artigos de opinión) évos ben interesante para coñecer particularidades, curiosidades, usos e recursos da nosa lingua.

Animásmovos a botarlle unha ollada para aprendermos e valorarmos aínda máis o galego.

Boa semana!

venres, 1 de maio de 2020

Aí vén o maio...

Compartimos con vós esta publicación e este vídeo musical do Consello da Cultura Galega para celebrar este día e a festividade deste tempo:


"O maio" é un dos poemas máis coñecidos de Curros Enríquez no que o poeta invoca unha primavera de liberdade e xustiza. Neste Primeiro de Maio tan diferente, o Consello da Cultura Galega (CCG) vén de xuntar nun proxecto celebrativo este poema reivindicativo de Curros coas novas voces da música galega. O resultado é un vídeo musical que mestura rumba con influencias da música tropical para dar a benvida ao mes de maio e, de paso, celebrar a vida cun alento solidario. Haberá mil primaveras máis!

mércores, 29 de abril de 2020

Aprende galego (e inglés) co Teacher e Os Bolechas


A CRTVG segue ofrencendo contidos educativos para que as rapazas e rapaces sigan aprendendo desde a casa durante este tempo de confinamento.

Aquí vos deixamos a ligazón ao primeiro capítulo de O Teacher e Os Bolechas, para seguir aprendendo inglés desde o galego.

Desde esa páxina poderedes acceder ao resto dos capítulos.

Esperamos que vos sexa de utilidade.

See you!

mércores, 22 de abril de 2020

Aprendendo desde a casa: O Sabedoiro


O Sabedoiro é un programa grazas ao que o alumnado galego que ten que estar confinado durante o estado de alarma decretado por mor do Covid-19 pode seguir aprendendo contidos académicos desde a casa.

Podedes seguilo en directo desde a TVG2 ás 12:00h. de luns a venres ou tamén desde a páxina da CRTVG desde a que podedes acceder aos contidos á carta.

Esperamos que vos sirva de apoio ao que o profesorado vos está enviando desde a Plataforma.

martes, 21 de abril de 2020

Aprende galego (e inglés) con Os Bolechas


Coñecedes o programa one2three que emite a CRTVG no que a rapazada pode aprender inglés con Os Bolechas?

Pois xa estades tardando en visitar a páxina web na que poderedes atopar todos os programas emitidos e seleccionar aqueles que máis vos interesen para que a rapazada poida seguir aprendendo a lingua de Shakespeare desde a casa.

See you soon!

venres, 17 de abril de 2020

Mellora o teu galego escrito co EDLG...


Recursos para mellorar a competencia lingüística en galego: O OrtoGal.

Tedes que escribir un texto en galego e queredes comprobar que é correcto desde o punto de vista ortográfico?

A mellor opción é empezar por seleccionar o idioma no que ides escribir no procesador de textos. É doado, na parte inferior do documento aparece un comando no que vos deixa seleccionar o idioma (tanto en Word como en LibreOffice). Escollede galego se non o ten configurado así por defecto e xa está.

Comezando así, xa podedes comprobar a ortografía directamente no propio documento.

Unha vez rematedes, tedes a opción de pasalo polo corrector en liña que ofrece a Universidade de Vigo: o OrtoGal.

Usalo é moi doado: seleccionades o texto que queirades revisar e copiádelo (o máis rápido é pulsando á vez Ctrl+C) e pegádelo (Ctrl+V) nesta páxina do OrtoGal substituíndo o texto que aparece por defecto na páxina.

Despois premedes sobre o botón ABC que aparece á dereita do texto e revisades a ortografía. Tedes a opción de revisar unha por unha as palabras que o corrector considera incorrectas (opción máis recomendable porque o corrector corrixe automaticamente, pero non pensa) ou todas de vez.

Volvedes copiar o texto para pegalo no documento que esteades escribindo e xa está!

Esperamos que vos sexa útil este recurso.

xoves, 16 de abril de 2020

Aquelando na casa!



Durante estes días nos que os escolares galegos tamén teñen que quedar confinados na casa para evitar o contaxio e propagación do Covid-19, a CRTVG adaptou os seus contidos matinais na súa segunda canle para ofrecer recursos educativos.

Nesta liña naceu Aquelando na casa!, a adaptación dos contidos de divulgación científica que vos presentamos onte á situación actual, de maneira que se poida seguir aprendendo contidos científicos experimentando desde a casa.

Desde aquí poderedes acceder a todos os programas emitidos ata hoxe.

A seguir aprendendo, #aquelanacasa!

mércores, 15 de abril de 2020

Divulgación científica: Aquelando.


Coñecedes este programa de divulgación científica para a rapazada que emite a TVG?

Son programas duns 30 min. de duración presentados por David Ballesteros (que xa estivo algunha vez polo cole falando de ciencia) e Manuel Vicente.

Aquelando "combina contidos atractivos para todos os públicos, como experimentos, análise de falsos mitos ou experiencias na rúa, con outros de maior carga técnica".

Xa sabedes, se queredes coñecer máis cousas sobre as leis de Newton, os fluídos, o aire, o corazón,  as enerxías renovables, etc. nesta ligazón poderedes acceder aos programas que a TVG ofrece na súa programación á carta.

Seguro que aprenderedes moito!

martes, 14 de abril de 2020

100 novas cancións en Radio Picariña


A CRTVG vén de anunciar que acaban de engadir 100 cancións máis á lista de reprodución de Radio Picariña.

Xa vos presentaramos este recurso, pero deixámosvolo aquí novamente para que poidades botar man del tamén durante este periodo de confinamento doméstico.

É unha maneira divertida de que as/os máis peques da casa aprendan galego tamén a través da música.