Amosando publicacións coa etiqueta apego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta apego. Amosar todas as publicacións

venres, 5 de outubro de 2018

Nova tempada do Proxecto APEGO

O pasado 14 de setembro volveu ao Auditorio Municipal de Ourense o programa de actividades en galego para o público infantil.

O 1º venres de cada mes, en dúas sesións (ás 18h. e ás 19h.) teremos a oportunidade de participar cos máis peques da casa nos espectáculos de teatro, música e danza en galego que se organizan desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense. Todas as propostas están pensadas para nenas e nenos de 0 a 6 anos, que entran de balde; as persoas adultas que as/os acompañemos temos que adquirir a nosa entrada en ataquilla.com de maneira anticipada (3€) ou na billeteira antes da función (4€).

Na axenda poderedes ir coñecendo a oferta de actividades programadas. 


Este venres 5 de outubro o espectáculo corre por conta de Pablo Díaz, quen fará unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor,tratando temas e rutinas adaptadas para os máis pequen@s. Para conseguilo,botará man de instrumentos como frautas, guitarra, harmónica, e algúns dos seus temas máis populares.Unha sesión relaxada onde a fantasía e a ilusión serán as protagonistas, e na que grandes e miúdos axudarán a cantar e a entoar as melodías e retrousos.

Pero o Programa Apego é moito máis! 

Se queredes coñecelo un pouco mellor, premede nesta ligazón para acceder a toda a información. 

Hai agasallos para as e os peques e se naceron ou van nacer neste 2018, hai unha caixa de benvida agardando por ela/el.

xoves, 25 de xaneiro de 2018

Actividades infantís no Auditorio de Ourense

Continúan as actividades para o público infantil dos domingos ás 12:00h. (ou o 1º venres de mes a partir das 18:00h. na Sala Apego).

Premendo nesta ligazón poderedes atopar máis información.

O próximo domingo 28 de xaneiro, Martín Martín - Mircromina.


Pode ser unha boa maneira de que a rapazada se familiarice coa lingua e o teatro, non credes?

sábado, 7 de outubro de 2017

Actividades infantís no Auditorio


Se queredes compartir o voso tempo de lecer coas vosas fillas e fillos e facelo en galego, o Auditorio de Ourense ten unha programación infantil ben interesante.

O primeiro venres de mes, na Sala Apego, actividades para nenxs de 0 a 3 anos. Elxs entran de balde, as persoas adultas pagamos unha entrada de 3€.

Os domingos, ás 12:00h., teatro para a rapazada.

Aquí vos deixamos unha ligazón á programación de setembro a decembro de 2017: http://www.ourensecultura.com/gfx/Blog/files/PROGRAauditoINF2017web.pdf

Porque a cultura é un ben que se transmite desde a familia, animádevos a participar desta oferta en galego.

martes, 14 de febreiro de 2017

Coñecedes o programa "Apego"?



Que é? 
Apego é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial.

Cal é o lema deste programa? 
"Apego, pola vida e pola lingua". Este é o lema deste proxecto no que os pais e nais, e os educadores en xeral, van atopar orgullo pola máis orixinal das nosas creacións e forza para preservala e transmitila.

Como naceu a idea?

Naceu por iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística e desenvólvese, de xeito cooperativo, entre os servizos de normalización dos concellos adheridos.

A quen está dirixido?

Diríxese ao contexto familiar e social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida (0 a 6) para achegarlle argumentos e facilitarlle ferramentas e redes que sosteñan e arroupen a crianza en galego.

Amor, arraigo, lingua, orgullo e identidade. 

Apego é empatía, vínculo, comunidade… Apego é apoio para a responsabilidade de construír o futuro desde a raíces e a lingua propia.

Nesta ligazón poderedes atopar máis información, recursos, actividades... 

Animádevos a legarlle tamén á rapazada o amor pola lingua.