venres, 1 de marzo de 2019

Viva o Entroido!

Personificación do Entroido no cadro de Pieter Bruegel o Vello A guerra do Entroido e a Coresma. Kunsthistorische Museum. Viena

Coñeces as expresións "vestir como un entroido" e "estar como un entroido"
E o refrán "Martes de entroido e día de Pascua, cada larpeiro na súa casa"?

Aínda que en diversos puntos da provincia xa comenzaron a festexar o Entroido, no noso cole comezamos esta semana, cos mandados do meco e coas festas de disfraces por seccións.

Con motivo da celebración desta festa popular, aproveitamos para presentarvos un recurso que de seguro vos ha de ser moi útil para coñecer máis e mellor a lingua galega. Trátase do Portal das Palabras, unha iniciativa impulsada pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié. Conta con diferentes seccións nas que se dan a coñecer diferentes aspectos do léxico galego: Palabra do día, Setestrelo, Xogos, Mira que din... Na sección "Allos con bugallos" poderás atopar información sobre as expresións e refráns referidos ao Entroido coas que abrimos esta entrada no blog.



Tal e como aparece recollido no sitio web, "o Seminario de Lexicografía da RAG é o responsable de que cada semana se publiquen novos contidos, ben sexan xogos, vídeos, curiosidades léxicas, recursos ou novas. Todos os días propoñerase unha nova palabra da que recibiremos información sobre o seu significado, etimoloxía e outras referencias. Para estar ao tanto de todas as novidades é ben pasarse diariamente por estas páxinas ou estar conectado aos nosos espazos de Facebook e Twitter".

Xa sabes, se queres coñecer mellor este portal e saber máis do léxico galego, preme na ligazón incluída máis arriba ou bótalle unha ollada ao vídeo de presentación da súa web. Seguro que unha vez que o coñezas volverás a el en moitas máis ocasións.


Ningún comentario:

Publicar un comentario