luns, 11 de marzo de 2019

domingo, 10 de marzo de 2019

XI Xornadas da Lingua... Eu falo, ti podes. Inténtao!

Pois si, o xoves 7 de marzo comezaron as XI Xornadas da Lingua no noso colexio.

Hai moitas actividades preparadas para o alumnado de todas as etapas educativas, para as familias, para o profesorado...

Aquí vos deixamos un vídeo de A Mesa pola Normalización Lingüística con dez ideas para revitalizarmos o uso do galego para que vos animedes a falar a nosa lingua, durante as xornadas e tamén no día a día. 


xoves, 7 de marzo de 2019

XI Xornadas da Lingua: "Encontros con... Manuel Núñez Singala"


Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, volve visitar o noso colexio nas Xornadas da Lingua.

Desta volta non falará dos prexuízos lingüísticos, senón da lingua galega como oportunidade.

A súa visita enmárcase dentro da actividade "Encontros con..." e está dirixida principalmente ao profesorado (como claustro formativo), pero tamén está aberta á participación das familias, do alumnado de bacharelato e de quen desexe achegarse.

Así que, xa sabedes, o martes 12 de marzo ás 17:45h. tedes unha cita na Aula Magna do colexio para aprender algo máis sobre as oportunidades que nos ofrece a nosa lingua.

XI Xornadas da lingua en Salesianos Ourense


Un ano máis (e xa van 11!) o EDLG do colexio organiza as Xornadas da Lingua para promover o uso do galego.

Haberá moitas actividades nas que poderemos participar. Desde EI ata Bacharelato. Alumnado, profesorado, PAS e familias. Formais e informais. Para xente de Salesianos e tamén abertas á cidade...

Animádevos a participar!

E xa sabedes cal é o noso lema: "Eu falo. Ti podes. Inténtao!".

venres, 1 de marzo de 2019

Celebramos o Día de Rosalía no Salón de Plenos da Deputación de Ourense


O luns 25 de febreiro, xunto con outras compañeiras e compañeiros de colexios da cidade que pertencen a Escolas Católicas, participamos nunha homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do seu aniversario.

No Salón de Plenos da Deputación de Ourense lemos un manifesto e poemas da autora homenaxeada. Tamén cantamos unha canción composta hai uns anos por Elías, profesor de Franciscanas, para celebrar este día.

Compartimos tamén por aquí o vídeo que gravamos ese día para Salesianos TV.

Viva o Entroido!

Personificación do Entroido no cadro de Pieter Bruegel o Vello A guerra do Entroido e a Coresma. Kunsthistorische Museum. Viena

Coñeces as expresións "vestir como un entroido" e "estar como un entroido"
E o refrán "Martes de entroido e día de Pascua, cada larpeiro na súa casa"?

Aínda que en diversos puntos da provincia xa comenzaron a festexar o Entroido, no noso cole comezamos esta semana, cos mandados do meco e coas festas de disfraces por seccións.

Con motivo da celebración desta festa popular, aproveitamos para presentarvos un recurso que de seguro vos ha de ser moi útil para coñecer máis e mellor a lingua galega. Trátase do Portal das Palabras, unha iniciativa impulsada pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié. Conta con diferentes seccións nas que se dan a coñecer diferentes aspectos do léxico galego: Palabra do día, Setestrelo, Xogos, Mira que din... Na sección "Allos con bugallos" poderás atopar información sobre as expresións e refráns referidos ao Entroido coas que abrimos esta entrada no blog.



Tal e como aparece recollido no sitio web, "o Seminario de Lexicografía da RAG é o responsable de que cada semana se publiquen novos contidos, ben sexan xogos, vídeos, curiosidades léxicas, recursos ou novas. Todos os días propoñerase unha nova palabra da que recibiremos información sobre o seu significado, etimoloxía e outras referencias. Para estar ao tanto de todas as novidades é ben pasarse diariamente por estas páxinas ou estar conectado aos nosos espazos de Facebook e Twitter".

Xa sabes, se queres coñecer mellor este portal e saber máis do léxico galego, preme na ligazón incluída máis arriba ou bótalle unha ollada ao vídeo de presentación da súa web. Seguro que unha vez que o coñezas volverás a el en moitas máis ocasións.